Plan Sectorial Galego de Solo Residencial

O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial permanece en exposición pública desde o luns 27 de outubro ata o 27 de decembro

O documento completo poderá consultarse na sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela (Polígono de Fontiñas-Área Central s/n), en concreto na Oficina Técnica (6º andar), onde haberá un técnico deste departamento para resolver posibles dúbidas dos interesados. O documento poderá consultarse polas mañás de 9 a 14:00 horas. O IGVS tamén dispón dun teléfono de información pública sobre o Plan Sectorial: 881.99.91.97. Os 57 concellos nos que se van desenvolver as actuacións previstas dispoñen dunha copia en formato dixital do documento.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo, publica o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial para vivenda protexida, tal e como recolle no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 24 de outubro. O documento completo permanece en exposición pública desde o luns 27 de outubro durante dous meses e poderá consultarse na sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela (Polígono de Fontiñas-Área Central s/n), en concreto na Oficina Técnica (6º andar), onde haberá un técnico deste departamento para resolver posibles dúbidas dos interesados. O documento poderá consultarse polas mañás de 9 a 14:00 horas.

Ademais, os 57 concellos nos que se vai a desenvolver algunhas das actuacións previstas dispoñen dunha copia en formato dixital do documento.

O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial planifica a construción de 45.600 vivendas protexidas a través de 95 actuacións distribuídas en 57 concellos. O desenvolvemento deste Plan suporá a transformación urbanística de 8,7 millóns de metros cadrados de solo, contribuíndo a facer cidade de calidade, xa que a construción de vivenda protexida se complementará coa reserva de solo para zonas verdes, espazos dotacionais, equipamentos e aparcamentos públicos.

En concreto, dos 8,7 millóns de m2 delimitados, 3 millóns destinaranse a zonas verdes e espazos libres, 1 millón de m2 para espazos dotacionais e equipamentos, e 2 millóns de m2 destinaranse a viario e aparcamento público. A superficie restante é destinada á construción de vivenda cunha edificabilidade de 5,6 millóns de m2.

O desenvolvemento dos solos seleccionados permitirá, en moitos casos, dar unha resposta a problemas de comunicación do ámbito, corrixir déficits dotacionais, completar tramas urbanas e mellorar as infraestruturas existentes.

Resposta á demanda actual e urxente de vivenda
O obxectivo do Plan Sectorial é obter con axilidade solo residencial para a construción de vivenda protexida co que atender á demanda actual inmediata, con independencia da situación na que se atope o planeamento urbanístico dos concellos, tendo en conta que só 26 concellos teñen plan xeral de ordenación municipal adaptado á Lei do Solo de 2002.

A necesidade actual de vivenda determinada polo Plan é de 47.000 vivendas protexidas, e unha necesidade total para o período 2009-2017 de 258.109 vivendas. Esta estimación se realiza a partires da análise de tres variables: a estrutura dos fogares galegos, as proxeccións de poboación e do saldo de fogares para os próximos dez anos, e o número de demandantes inscritos no Rexistro de Vivenda Protexida, que a día de hoxe ascende a 23.000 demandantes activos.

A aprobación do Plan Sectorial permitirá o IGVS xestionar solo residencial para atender o 20% das necesidades estimadas para o 2009-2017. En total, 45.600 vivendas protexidas, a maioría no primeiro quinquenio tras a aprobación definitiva do Plan, para que poidan estar dispoñibles no horizonte de 2013.

Localización da demanda
Esta planificación ten como fin construír o tipo de vivenda que os galegos necesitan e poden pagar, a vivenda a prezo limitado, e construíla alí onde se precisa, é dicir, nas grandes cidades e as súas áreas de influencia, e nos concellos medios ou que son referentes comarcais.

Tendo en conta a demanda, as 45.600 vivendas protexidas distribuiranse en 95 solos ubicados en 57 concellos correspondentes a 17 Áreas Funcionais, entendidas estas áreas como o ámbito territorial no que se producen os fluxos de mobilidade residencia-traballo entre municipios. Vigo e A Coruña, cunhas necesidades de entre 100 e 120 vivendas por cada 1.000 habitantes, representan máis da metade das necesidades totais de vivenda de Galiza para o 2009-2017.

Colaboración cos concellos
O Plan Sectorial foi elaborado en total colaboración cos Concellos e desde o respecto ao modelo de desenvolvemento urbanístico deseñado polos municipios a través dos plans xerais de ordenación municipal ou das normas urbanísticas das que dispoñan. En moitos casos as pezas de solo recollidas no Plan Sectorial son propostas directas dos propios gobernos locais, aceptadas pola equipa redactora cando as localizacións seleccionadas se axustaban aos criterios marcados polo IGVS, como son a integración social, a sustentabilidade, a calidade urbana, e a posibilidade de mestura de usos.

Oportunidade ante a crise
Este documento de ordenación do territorio é tamén unha ferramenta dinamizadora da actividade económica, nun contexto adverso de gran dificultade que está a afectar a importantes sectores produtivos. O Plan mobilizará recursos públicos e privados por importe de 4.560 millóns de euros nun horizonte temporal que se prolongará ata 2017, e xerará unha importante carga de traballo cifrada en 300.000 empregos directos e indirectos nas empresas relacionadas co sector da promoción e da construción.

O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial forma parte do importante paquete normativo desenvolvido para sustentar lexislativamente a política social de vivenda do Goberno galego, e non está formulado como solución exclusiva á carestía de solo residencial, senón como un complemento a outras actuacións para dar satisfacción a unha aspiración constante da cidadanía: o acceso a unha vivenda.

REXISTRO DE DEMANDANTES

O Instituto Galego de Vivenda e Solo creou o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia co que se pretende ter información rigorosa sobre a demanda de vivenda protexida e permitirá evitar irregularidades na compravenda de vivenda protexida.  É CÓMODO xa que a consellería pode incluirte no sorteo de cada promoción que se axuste á túa solicitude; EFICAZ, porque permite coñecer a demanda real de vivenda protexida; e TRANSPARENTE, na adxudicación da vivenda.

PROGRAMA ALUGA

O Programa Aluga ten por obxectivo facilitar o acceso das familias a unha vivenda en réxime de arrendamento, e tamén dinamizar e ampliar o mercado incorporando ao mesmo vivendas baleiras.

PROGRAMA PAGUS

O Programa de Apoio á Xestión Urbana Sustentable (PAGUS) é un Programa INTERREG III-C da Comisión Europea que ten por obxectivo desenvolver estratexias e instrumentos comúns para a rehabilitación sustentable e desenvolvemento dos centros históricos das cidades e vilas europeas a través de diferentes tipos de accións integradas. En Galiza desenvolveronse accións ao seu abeiro en Allariz, Celanova, Ferrol, Lugo, Mondoñedo, Ribadavia, Ribadeo, Santiago de Compostela ou Vigo.