Axudas para a adquisición de vivenda nos centros
históricos (VI400A)
Estas axudas teñen por obxecto subvencionar a compra de vivenda nos centros
históricos para favorecer o asentamento de nova poboación nos conxuntos históricos e contribuír á
dinamización social, económica e patrimonial destes ámbitos.
Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que,
con carácter xeral, cumpran os seguintes requisitos:
- Posuír a nacionalidade española ou ter a residencia legal en España.
- Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de
convivencia sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos
múltiples (en diante, IPREM).
- Ter adquirida unha vivenda con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022
mediante contrato privado ou escritura pública de compravenda.
- No caso de dispoñer de escritura pública, que a persoa solicitante e a súa
unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida
- Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa
unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España, agás
excepcións.
- Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa
unidade de convivencia estea incursa nalgunha das causas para obter axudas.
Requisitos das vivendas subvencionadas
- Deben ser vivendas adquiridas a partir do 1 de xaneiro de 2022 mediante
contrato privado ou escritura pública de compravenda.
- Que se trate de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico dos
citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018.
- Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos,
admitiranse as vivendas novas, as usadas e as que vaian ser obxecto de rehabilitación.
-Que o prezo de adquisición da vivenda non supere os seguintes
límites:
- No caso de vivendas situadas no ámbito dun centro
histórico dos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e
Vigo: non pode superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime
concertado nos municipios de prezo máximo superior (1.773,72 €), computando unha superficie útil de
120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo
incrementarase nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2% no suposto de dispoñer de
rocho.
- No caso de vivendas situadas no ámbito dun centro
histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior: non poderá superar o prezo máximo
previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do
Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda
a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia (1.364,40 €), computando unha superficie útil de 120 m2,
e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase
nun 8% no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2% no suposto de dispoñer de rocho.
Contía das axudas
A contía da axuda para a adquisición de vivenda será de ata 12.800 euros por
vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e de 10.800 euros, no
caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
En todo caso, no suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área
Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.
As axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, o cal non
incluirá os gastos e tributos inherentes a esa adquisición
Adquisición de vivendas por varias persoas
conxuntamente
Neste suposto, cada unha das persoas adquirentes da vivenda deberá presentar
unha solicitude, sempre que reúnan os requisitos.
A contía da axuda será proporcional á súa porcentaxe de participación na
compra da vivenda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de
2022.