Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2015

A XUNTA DESTINA UN MILLÓN DE EUROS A AXUDAS PARA A OBTENCIÓN DO INFORME DE AVALIACIÓN DOS EDIFICIOS

- Dispoñer deste informe é requisito imprescindible para acceder ás subvencións para rehabilitación de edificios 
- As axudas, destinadas a comunidades de propietarios e propietarios únicos de edificios residenciais, poden chegar ata 500 euros por edificio e ao 50% do custe do informe 
- O prazo de presentación de solicitudes é de catro meses, a contar dende mañá

Santiago, 6 de abril de 2015.-
A Xunta de Galicia destinará este ano un millón de euros a axudas a propietarios de vivendas para a obtención do informe de avaliación dos edificios, segundo recolle a orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que inclúe as bases reguladoras da axuda e a convocatoria das mesmas para 2015.

O informe de avaliación dos edificios foi regulado pola Lei 8/2013, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, e inclúe información sobre o estado de conservación do edificio, a determinación de se o mesmo é susceptible ou non de incorporar axustes razoables en materia de accesibilidade e a certificación de eficiencia enerxética. Dispoñer deste informe é requisito imprescindible para acceder ás axudas públicas destinadas á rehabilitación dos edificios.

As subvencións para a obtención do informe de avaliación dos edificios van dirixidas ás comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios, legalmente constituídas, así como as persoas físicas propietarias únicas de edificios de carácter residencial, que conten co informe de avaliación do edificio antes de que finalice o prazo de solicitude das axudas.

O prazo de presentación de solicitudes é de catro meses, a contar dende mañá. Entre a documentación que deberán presentar os solicitantes atópase o propio informe de avaliación do edificio, a factura e os comprobantes bancarios de pago da mesma.

Contía
As axudas establecidas nesta orde van orientadas a sufragar unha parte dos honorarios profesionais derivados da emisión dun informe de avaliación dos edificios que inclúa a análise das condicións de accesibilidade, eficiencia enerxética e do seu estado de conservación.

A contía máxima da axuda será de 20 euros por cada vivenda con que conte o edificio e outros 20 euros por cada 100 metros cadrados útiles de locais, sen que en ningún caso a contía correspondente a cada edificio poida superar os 500 euros nin o 50 por cento do custe do informe de avaliación do edificio, IVE aparte.

As bases reguladoras da axuda inclúen os criterios de valoracións das solicitudes para a concesión das axudas, tendo preferencia os edificios de maior antigüidade. En segundo lugar, terase en conta o número de vivendas do edificio e finalmente a orde cronolóxica de presentación das solicitudes.