Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DE GALICIA ENTREGA HOXE AS CHAVES DE 24 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NA LOCALIDADE CORUÑESA DE NARÓN

- O IGVS investiu preto de 3,11 millóns de euros na súa construción
- Quedan once vivendas vacantes que se sortearon o 10 de abril entre os inscritos no Rexistro de Demandantes  

Narón (A Coruña), 12 de abril de 2013.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, entregou esta mañá aos seus adxudicatarios as chaves de 24 vivendas de promoción pública construídas polo Executivo autonómico na localidade coruñesa de Narón. No acto de entrega, o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, pediu desculpas aos adxudicatarios polo retraso na entrega das vivendas, situación –explicou- que non é imputable unicamente ao IGVS, xa que houbo que superar múltiples trabas para obter a licenza de utilización do garaxe.

No acto entregáronse as chaves de 24 das 35 vivendas construídas, quedando 11 vacantes que se atopan en proceso de adxudicación despois de que xa foron sorteadas o 10 de abril entre os inscritos no Rexistro de Demandantes. A lista de adxudicatarios e reservas está publicada na web do IGVS (http://igvs.es/web/igvs/15).

Das vivendas entregadas, 19 foron adxudicadas en réxime de alugueiro, xa que a normativa indica que así se debe facer cando os ingresos ponderados familiares non superan 1,5 veces o Iprem. No caso das vivendas en réxime de alugueiro o importe mensual do mesmo oscila entre 62,29 e 157,53 euros, en función da superficie da vivenda e dos ingresos dos adxudicatarios.

As restantes cinco vivendas foron adxudicadas en réxime de compravenda, con prezos que oscilan entre 40.703,66 euros e os 62.921,59 euros euros, tamén en función da superficie e dos ingresos familiares.

Tanto en réxime de alugueiro como en compravenda, os adxudicatarios benefícianse de descontos de ata o 50 por cento do valor da vivenda (ou da renda), en función dos ingresos familiares ponderados.

Vivendas de calidade
As vivendas entregadas hoxe en Narón responden ao seguinte:

• Tipoloxía edificatoria: Residencial en bloque. Edificio de 2 sotos + planta baixa + 4 andares + baixo cuberta.

• A distribución das vivendas é a seguinte:
- 3 vivendas de 1 dormitorio, cunha superficie que vai dende 43,83 m2 a 50,86 m2
- 7 vivendas de 2 dormitorios, cunha superficie que vai dende 58,75 m2 a 68,85 m2
- 22 vivendas de 3 dormitorios (1 está adaptada para persoas con mobilidade reducida), cunha superficie que vai dende 80,06 m2 a 83,92 m2
- 3 vivendas de 4 dormitorios, cunha superficie de 90 m2

• Todas elas contan con garaxe e rocho.

Características:
O programa individual de cada vivenda inclúe:

• Sala de estar-comedor
• Cociña
• Tendedeira
• Cuartos de aseo
• Dormitorios

Memoria construtiva:

• Os acabados exteriores son:
• Cuberta de chapa metálica
• Revestimento de fachada de morteiro monocapa
• Carpintería exterior de aluminio lacado negro

Os acabados interiores son:
• Carpintería interior de taboleiro aglomerado, acabado chapado en madeira
• Pavimento de tarima de madeira en distribuidor, salón e dormitorios
• Pavimento de gres porcelánico en baños e cociña
• Armarios empotrados con portas de taboleiro chapado en madeira
As vivendas contan con caldeiras individuais de gas para produción de A.Q.S e calefacción, así como con paneis solares en cuberta.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu 3.115.143,75 de euros na súa construción e na urbanización do entorno.