Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta adxudica máis de 13.500 metros cadrados de solo empresarial en Carballo, Arteixo e Santiago

• En total adxudicáronse catro parcelas: dúas no polígono de Bértoa, unha no de Morás e outra na Sionlla
• Os adxudicatarios deste solo beneficiáronse dun desconto sobre o prezo de venda de máis de 547.000 euros
• A Xunta xa adxudicou en 2021 preto de 243.000 m2 e desde 2015 máis de 2,3 m2 con bonificacións no prezo por máis de 70 millóns de euros

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021.- A Xunta de Galicia adxudicou catro parcelas de solo nos parques empresariais de Bértoa (Carballo), Morás (Arteixo) e A Sionlla (Santiago de Compostela), que suman unha superficie total de 13.535 m2, e que foron vendidos cunha bonificación global de 547.267,48 euros pola empresa pública Xestur.

Concretamente, no parque empresarial de Bértoa, en Carballo, Xestur adxudicou dúas parcelas, cunha superficie total de 8.548 m2. O prezo de adxudicación foi de 307.658,48 euros, despois de aplicar unha bonificación de 307.658,46 euros. As empresas adxudicatarias destinarán as parcelas a centro loxístico para almacenaxe e distribución de mercadorías e almacenaxe de materiais de construción.

En Morás, no concello de Arteixo, adxudicouse unha parcela de 1.987 m2 a unha empresa dedicada ao deseño e fabricación de equipos destinados ao sector alimentario. O prezo de venda foi de 246.189 euros, despois de aplicar unha bonificación de 105.509 euros.

Finalmente, no parque da Sionlla (Santiago de Compostela) adxudicouse unha parcela de 3.000 m2, que se destinará a almacén de maquinaria. O prezo de adxudicación da parcela foi de 312.900 euros despois de aplicar unha bonificación de 134.100 euros.

No que vai de ano, a Xunta xa adxudicou preto de 243.000 m2 de solo empresarial bonificado a empresas asentadas en Galicia; unha cifra que se eleva ata os máis de 2,3 millóns de m2 desde o 2015 –ano no que a Xunta de Galicia puxo en práctica a bonificación do prezo das parcelas de solo empresarial- e que supuxo a adxudicación de solo con bonificacións por importe de máis de 70 millóns de euros.