Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INICIA O PROCEDEMENTO PARA A ADXUDICACIÓN EN RÉXIME DE ALUGUEIRO DE TRES VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN OURENSE

• Os inmobles están localizados na rúa Vilar números 3 e 5, en pleno casco histórico
• Os adxudicatarios provisionais sairán dun sorteo ante notario o vindeiro 18 de novembro entre as persoas que a día de hoxe estean inscritas ou que pediran a súa inclusión no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia neste concello

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020
-. A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento de selección dos adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública (VPP) localizadas no casco histórico de Ourense. Segundo consta na resolución que publica hoxe o DOG, as tres VPP están localizadas na rúa Vilar, concretamente unha no número 3 e as outras dúas, no número 5.

A adxudicación producirase en réxime de alugueiro. As condicións que deberán cumprir os beneficiarios será estar inscritos ou anotados á data desta resolución no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia como solicitantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e cascos históricos, para o concello de Ourense; ter uns ingresos ponderados por unidade familiar entre 1 e 3,5 veces o IPREM; residir ou traballar no concello no que se localizan as vivendas -excepto no caso de emigrantes que desexen retornar-; e carecer de vivenda en calidade de propietario.

As VPP adxudicaranse en tres lotes mediante sorteos diferenciados, que se celebrarán ante notario o próximo 18 de novembro nas dependencias da área provincial ourensá do IGVS. Esta separación obedece ás propias características das vivendas, dirixidas a diferentes tipos de unidades de convivencia.

Deste xeito, o inmoble da rúa Vilar número 3 é unha vivenda unifamiliar de 89,39 m2, tres andares e dous dormitorios, polo que está reservada para familias de tres membros.

En canto ás vivendas localizadas no número 5, unha está no primeiro andar, ten unha superficie de 50,65 m2, rocho no baixo e un só dormitorio, polo que sortearase entre unidades convivenciais de 1 ou 2 membros. A outra VPP está no segundo andar e no ático do mesmo edificio, ten 98,78 m2 construídos, tres dormitorios e rocho no baixo, polo que está pensada para familias de catro ou máis membros.

Ademais, as tres vivendas teñen como anexo unha praza de garaxe vencellada no soto dun edificio da rúa Rafael Dieste, tamén no centro histórico ourensán.

Do sorteo ante notario deste mércores sairá unha relación provisional de adxudicatarios, así como a correspondente lista de agarda. En calquera caso, o feito de resultar beneficiario dunha destas vivendas non determinará a súa condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que reúne todos os requisitos para o acceso á VPP. Deste xeito, en caso de renuncia ou de que algún integrante da lista non cumpra cos requirimentos quedará excluído da mesma.

Os adxudicatarios provisionais resultantes publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Ourense, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web deste organismo. En todo caso, despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados disporán dun prazo de 10 días desde a publicación para presentar a correspondente reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.