Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ÁNGELES VÁZQUEZ AVANZA QUE ESTE OUTONO COMEZARÁN AS OBRAS DO EDIFICIO NÚMERO 1 DA RÚA ARGÜELLES NO BARRIO DE FERROL VELLO

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adiantou que ao longo deste mes se asinará a acta de replanteo para iniciar as obras, que foron adxudicadas a finais de agosto por un importe de máis de 330.000 euros
• Recorda que en Ferrol se investirán case 6 millóns de euros na reforma e rehabilitación deste inmoble, co que se obterán dúas vivendas e un local, e doutros 13 edificios máis, adquiridos dentro do Programa Rexurbe
• Ángeles Vázquez lembra que os menores de 35 anos que desexen instalarse nos barrios da Graña, da Madalena, de Esteiro Vello e de Ferrol Vello poden solicitar unha axuda para a adquisición de vivenda en centros históricos ata o vindeiro 31 de outubro

Ferrol (A Coruña), 6 de setembro de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que este outono comezarán as obras do inmoble ubicado no número 1 da Rúa Argüelles, no barrio de Ferrol Vello.

Así o adiantou esta mañá durante unha visita a esta zona emblemática da cidade, onde avanzou que -tras a adxudicación das obras a finais do mes de agosto por un importe de máis de 330.000 euros- este mes se poderá asinar a acta de replanteo que permiten o inicio das obras, coas que se habilitarán dúas vivendas e un local neste inmoble.

Recordou que esta actuación execútase a cargo do Programa Rexurbe, unha iniciativa autonómica para a recuperación de conxuntos históricos e áreas especialmente degradadas; e que en Ferrol se traduce nun investimento de case 6 millóns de euros para recuperar e rehabilitar, ademais do inmoble da rúa Argüelles, 13 edificios máis adquiridos a cargo da convocatoria do ano 2018 e que este luns, 9 de setembro, se licitará o contrato para a redacción dos proxectos, avanzou.

A conselleira de Medio Ambiente salientou que o éxito recollido por este programa na súa primeira convocatoria (a de 2018) animou ao Goberno galego a realizar unha nova convocatoria en 2019, que se ampliou aos concellos de Tui e Ribadavia. O prazo para a presentación das ofertas rematou o pasado 31 de xullo e agora o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a analizar as sete ofertas presentadas para adquirir case unha decena de inmobles en Ferrol. Estas actuacións completaranse coa rehabilitación do edificio da Virxe-19, na que se investirán 250.000 euros.

Catro áreas de rehabilitación integral
Ángeles Vázquez afirmou que, en materia de rehabilitación, Ferrol é un exemplo para moitos concellos galegos. “Non só polo traballo que se está a levar a cargo co Programa Rexurbe, senón tamén polos incentivos e a actividade que se mobiliza ao redor das catro Áreas de Rehabilitación Integral declaradas na cidade (Barrios da Madalena e Ferrol Vello, en 2001; A Graña, en 2005; Esteiro Vello, declarada en 2015 e Recimil, en 2016). Estas catro ARIs accederon nas distintas convocatorias a subvencións que suman un importe de máis de 7,5 millóns de euros, destinados polas administracións a esta liña de actuación en materia de rehabilitación.

Rehabilitar para vivir
A conselleira de Medio Ambiente defendeu que unha das opcións para acceder a unha vivenda é a través da rehabilitación e recuperación dos inmobles xa existentes. Neste sentido, animou aos menores de 35 anos -que esteen pensando en rehabilitar e que desexen afincarse nos barrios da Graña, da Madalena, de Esteiro Vello e de Ferrol Vello- a presentar unha solicite para beneficiarse dunha axuda para a adquisición de vivenda en centros históricos, que convocou o Goberno galego e cuxo prazo remata o vindeiro 31 de outubro.

Lembrou que esta subvención é compatible coas axudas á rehabilitación, polo que é posible adquirir un inmoble no centro histórico e que, de necesitar unha rehabilitación, poida beneficiarse tamén de outras axudas con esta finalidade. Ademais, ao estar a vivenda a rehabilitar nun centro histórico galego, poderá beneficiarse tamén dunha dedución autonómica na Declaración da Renda, que será dun 15% a aplicar sobre as cantidades investidas nas obras de rehabilitación executadas, podendo chegar a ser de ata 9.000 euros, destacou a conselleira.

Máis de 25 millóns de euros en axudas á rehabilitación
A conselleira de Medio Ambiente destacou que o 2019 será un ano de referencia en materia de rehabilitación, pois foi neste ano no que entrou en vigor a primeira Lei da Comunidade nesta materia, que ten por principio básico “que non hai maior desprotección dunha edificación que o abandono ou desuso.

Para animar e incentivar as actuacións en materia de rehabilitación, o Goberno galego fixo un esforzo por convocar distintas liñas de actuación que permitiron mobilizar neste ano un orzamento de case 27 millóns de euros, co fin de apoiar a aquelas persoas que deciden poñer en marcha un proxecto de de rehabilitación.