Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o presidente do Consello da Avogacía Galega, Félix Mondelo, asinaron hoxe por terceiro ano este convenio co fin de sumar esforzos para evitar os desafiuzamentos e paliar as súas consecuencias

A XUNTA E O CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA RENOVAN A SÚA COLABORACIÓN, QUE INCORPORARÁ UN NÚMERO 900 PARA FACILITAR O ASESORAMENTO XURÍDICO GRATIS ÁS PERSOAS SEN RECURSOS EN RISCO DE PERDER A VIVENDA

- Vázquez Mourelle indica que este acordo permite seguir prestando orientación xurídica gratis en casos de procedementos de execucións hipotecarias, polo impago da renda de alugueiro ou calquera outra causa sobrevida
- Sinala que esta renovación potenciará o uso das novas tecnoloxías, ofrecendo un formulario web para consultas sinxelas, que será respondido por correo electrónico polo letrado de garda, nun tempo máximo de 48 horas
- Constituirase unha comisión técnica intercolexial de letrados que elaborará unha memoria anual que será remitida á Xunta para comprobar a eficacia das medidas, no marco das iniciativas de transparencia e difusión do Observatorio da Vivenda activado este ano
- A Xunta destina unha achega de máis de 50.000 euros á prórroga deste convenio que se enmarca no conxunto de 12 medidas autonómicas para facer fronte aos desafiuzamentos
- O Consello da Avogacía Galega reforzará a mediación arbitral para a resolución de controversias entre arrendadores e arrendatarios e difundirá as medidas da Xunta para ofrecer solucións ás familias en risco de perder a súa vivenda

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018.-
A Xunta e o Consello da Avogacía Galega renovaron hoxe a súa colaboración que incorporará un número 900 para facilitar a prestación de asesoramento xurídico gratuíto ás persoas sen recursos en risco de perder a súa vivenda.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, asinou hoxe co presidente do Consello da Avogacía Galega, Félix Mondelo, a renovación por terceiro ano deste convenio que permite continuar prestando orientación xurídica gratis en casos de procedementos de execucións hipotecarias, polo impago da renda de alugueiro ou calquera outra causa sobrevida.

Este convenio aposta por potenciar o uso das novas tecnoloxías a través dun formulario web para consultas sinxelas, que será respondido por correo electrónico polo letrado de garda, nun tempo máximo de 48 horas.

Vázquez Mourelle indicou que se constituirá unha comisión técnica intercolexial de letrados -expertos en materia de vivenda e de desafiuzamentos-, que elaborará unha memoria anual que será remitida ao Goberno galego para comprobar a eficacia das medidas establecidas, no marco das iniciativas de transparencia e difusión do Observatorio da Vivenda activado este ano.

A Xunta destina unha achega de máis de 50.000 euros a este convenio, enmarcado nas 12 medidas que activou para loitar contra os desafiuzamentos, e comprométese a prestar asistencia e apoio técnico aos colexios de avogados no desenvolvemento das súas funcións para seguir sumando esforzos e poñendo medios para evitar, no posible, estes casos.

En virtude do convenio asinado hoxe, o Consello da Avogacía Galega tamén se compromete a reforzar e apostar de modo preferente pola mediación arbitral para a posible resolución de controversias entre arrendadores e arrendatarios, un procedemento moito máis sinxelo que permite evitar a vía xudicial. Ademais, contribuirá a difundir e a dar a coñecer as medidas aprobadas pola Xunta que están pensadas, precisamente, para dar cobertura e ofrecer solucións ás familias en risco de perder a súa vivenda.