Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou hoxe unha das 22 comunidades de propietarios da cidade beneficiadas das axudas para a instalación de elementos de accesibilidade

PRETO DE 170 FAMILIAS BENEFICIÁRONSE DAS AXUDAS DA XUNTA PARA A INSTALACIÓN DE NOVOS ASCENSORES EN OURENSE, A CIDADE QUE CAPTOU MÁIS SUBVENCIÓNS

- Vázquez Mourelle avanza que o Goberno galego convocará este mes unha nova orde de axudas, co dobre de orzamento, 2,5 millóns de euros e cubrindo ata o 60% da instalación, de forma compatible con outras subvencións
- Lembra que a primeira convocatoria específica posibilitou a instalación de ascensores en máis de 400 vivendas en Galicia
- A conselleira lembra que o Goberno galego está apostando pola rehabilitación de vivendas en Ourense, con varias obras en marcha no casco vello e coa oferta de compra de inmobles en mal estado no marco do programa Rexurbe

Ourense, 14 de marzo de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou hoxe esta cidade, na que un total de 22 comunidades de propietarios foron beneficiadas das axudas do Goberno galego para a instalación de ascensores, por un importe superior aos 545.000 euros, mellorando a accesibilidade de preto de 170 familias.

Vázquez Mourelle achegouse hoxe á Comunidade de Propietarios da rúa Cabeza de Manzaneda, 7, un edificio dos anos 60 con 8 vivendas que non dispoñía de ascensor, polo que optaron ás axudas da Xunta, neste caso dúas ordes, a de ascensores e a de rehabilitación edificatoria, e cubriron o 100% do custo, case 48.000 €. Dende finais do pasado ano, xa o teñen en pleno funcionamento.

Explicou que esta primeira convocatoria tivo unha moi boa acollida xa que, en toda Galicia, posibilitou a instalación de ascensores para máis de 400 vivendas. Concretou que debido a este éxito, a Xunta redobra os esforzos e convocará este mes estas subvencións co dobre de investimento, 2,5 M€ para beneficiar a 850 vivendas.

O Goberno galego mantén os mesmos requisitos en canto a beneficiarios, tipo de actuacións subvencionables ou á contía de axudas que con carácter xeral cubrirán o 60% do custo da actuación e seguirán a ser compatibles con outras destinadas a este mesmo fin.

A titular de Vivenda lembrou que a Xunta de Galicia está facendo un gran esforzo pola rehabilitación de vivendas na cidade de Ourense, con varias obras en marcha no casco vello. Ademais, o Executivo autonómico tamén vén de lanzar a oferta de compra de inmobles en mal estado no marco do programa Rexurbe.

Indicou que ao falar de rehabilitación non só se fai referencia a recuperar inmobles históricos, senón a modernizar edificios que, sen ser antigos, van necesitando mellorar algúns aspectos como, por exemplo, a accesibilidade, a través da instalación de ascensores.