Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA INVESTIRÁ MÁIS DE 475.000 EUROS NA MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DE 34 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN VIGO

§  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se licitan as obras, consistentes no illamento térmico das fachadas.

 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2017 .- A Xunta de Galicia destinará 475.344,79 euros á execución de obras de mellora da eficiencia enerxética de 34 vivendas de promoción pública emprazadas en Vigo. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo pola que se licita a execución das obras.

 

As obras, que consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas, realizaranse nas vivendas emprazadas en Menéndez Pelayo 15-17, en Vigo.

 

As obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. O prazo de execución das obras será de catro meses dende o inicio das mesmas.

 

As empresas interesadas dispoñen de 26 días naturais para presentar as súas ofertas.

 

O IGVS ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades de toda Galicia.