Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICOU AS OBRAS DE REPARACIÓN DAS VIVENDAS DE MESÓN DA AUGA (OLEIROS)

- Adxudicáronse por preto de 400.000 euros
- Actuarase nun total de 115 vivendas entre unifamiliares e pisos
- As obras centraranse nos cerramentos exteriores, instalacións e acabados interiores
- As vivendas foron construídas entre 2005 e 2007 polo anterior Goberno
 
Santiago, 15 de febreiro de 2013.- O Consello de Administración de Xestur Coruña adxudicou as obras de reparación de vivendas de Mesón da Auga (Oleiros) á empresa Desarrollos Boucas, por importe de 399.796,70 euros, ive incluído.
 
Está previsto intervir nun total de 115 vivendas, entre unifamiliares e pisos, así como en zonas comúns dos bloques de vivendas.
 
As obras afectarán aos cerramentos exteriores, instalacións e acabados interiores.
 
Cerramentos exteriores
Trátase de reparacións na envolvente exterior dalgunhas vivendas unifamiliares, consistentes en intervencións puntuais sobre algúns elementos construtivos, sen afectar á configuración orixinal das vivendas.
 
Realizarase un novo revestimento monocapa similar ao xa existente sobre paneis de polistireno expandido naquelas vivendas que teñen o revestimento exterior en mal estado.
 
Tamén se realizarán reparacións en portas de saída ao xardín, cubertas planas-terraza, encontros de cubertas inclinadas e elementos a través dos que se producen filtracións.
 
Instalacións
Prevese a realización de reparacións puntuais de instalacións de fontanería e calefacción, así como na colocación de aparatos sanitarios e botes sifónicos, incluíndo os acabados interiores derivados de ditas reparacións.
 
Asemade, modifícanse puntualmente as rellas de recollida de pluviais das rampas de garaxe.
 
Acabados interiores
Realizaranse as reparacións derivadas dos danos causados por filtracións e revisarase e repararase, cando sexa necesario.
 
As vivendas de Mesón da Auga foron construídas entre 2005 e 2007 (a acta final de obra es de 18 de outubro de 2007) polo que a totalidade da obra executouse na etapa do goberno bipartito, que non solucionou ningún dos problemas comunicados polos adxudicatarios.