Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA FELICITA A MONDOÑEDO POR SER O PRIMEIRO CONCELLO EN COMPLETAR a ÁREA REXURBE

• Foi o primeiro municipio en declarar esta figura recollida na Lei de rehabilitación, en deseñar o seu plan de dinamización e agora en poñer en marcha o Centro Rexurbe, “o motor e cerebro” desde o que se impulsarán as actuacións que dinamicen esta zona desde o punto de vista social, cultural, medioambiental e económico
• Traslada o apoio e colaboración do Goberno galego para o desenvolvemento dos proxectos que figuran no plan de dinamización, que recolle un investimento de 17 millóns de euros
• Avanza que esta mesma tarde asinará o convenio de colaboración para actuacións na Área de rehabilitación integral para Mondoñedo, que nesta convocatoria recibe máis fondos (400.000 euros) por contar cunha Área Rexurbe


Mondoñedo (Lugo), 1 de decembro de 2021
.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, felicitou ao Concello de Mondoñedo por ser o primeiro municipio en completar a Área Rexurbe.

Recordou que esta figura, e os elementos que interveñen, está recollida na Lei de rehabilitación de Galicia e que Mondoñedo -en febreiro de 2020- se converteu nun referente ao ser o primeiro concello en declarar unha Área Rexurbe no conxunto da Comunidade, posición que refrendou coa aprobación do Plan de dinamización e que agora pecha coa posta en marcha do Centro Rexurbe.

A conselleira de Medio Ambiente mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, para analizar os proxectos en materia de rehabilitación no concello; e onde tamén puido saudar as tres traballadores deste “motor e cerebro” desde o que se impulsarán todas aquelas iniciativas, proxectos e programas para dinamizar este ámbito de 0,45 km2, que discorre o conxunto histórico, unha zona contigua dos Remedios e a rúa Álvaro Cunqueiro.

Así, “Mondoñedo conta cunha xanela única” na que centralizar e desde a que impulsar os proxectos que recolle a folla de ruta da Área Rexurbe, o plan de dinamización, que prevé un investimento de 17 millóns de euros ata o ano 2024.

Nese sentido, brindou o apoio e a colaboración dos distintos departamentos da Xunta para acceder aos recursos públicos e convocatorias de axuda, pois as intervencións da Área Rexurbe van máis alá da recuperación arquitectónica e urbanística, pois tamén aposta pola dinamización social, cultural, económica do ámbito de intervención.

Novo convenio ARI
A conselleira de Medio Ambiente adiantou que esta mesma tarde asinará coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e os 22 concellos beneficiarios os convenios de 2021 para actuacións nas áreas de rehabilitación integral, entre os que se atopa Mondoñedo.

Recordou que -por contar cunha Área Rexurbe- obtivo unha maior puntuación á hora de realizar o reparto dos fondos e recibirá 400.000 euros para poñer en marcha actuacións que melloren o estado actual dos edificios que se integran na única ARI de Mondoñedo, Casco histórico e barrios de San Lázaro e Os Muíños.

Ángeles Vázquez destacou que o Goberno galego leva anos comprometido e apostando pola rehabilitación das vilas galegas, con diferentes liñas de actuación e incentivos dos que “Mondoñedo pode dar boa conta”.

A conselleira citou que este concello da Mariña está a executar os fondos consignados ao abeiro de anteriores convenios ARI (0,82 M€); foi incluído no Programa Rexurbe, polo cal se adquiriron 13 inmobles para rehabilitar e facilitar vivenda en alugueiro, solicitou varias axudas do Programa de vivendas de titularidade municipal (antigo programa de vivendas de mestres) por un importe global de máis de 65.000 euros, e tamén solicitou un préstamo (de 450.000 euros) ao abeiro do Fondo de Cooperación, para adquirir e rehabilitar o inmoble número 9 da Avenida das Lucas.

Nese sentido, o alcalde de Mondoñedo agradeceu a implicación e traballo realizado pola Consellería para “dinamizar no só o casco histórico, senón outras zonas do concello”; unha revitalización que tamén se fai desde o punto de vista social, comercial e cultural, ao recuperar edificios para o uso público e vivendas.

En definitiva, estas cifras poñen de manifesto o compromiso de Mondoñedo por mellorar o seu patrimonio edificatorio e a súa implicación co obxectivo do Goberno galego de potenciar a rehabilitación como instrumento para acceder a unha vivenda digna.