• Heriberto García indica que o Concello pode acudir ao programa Fondo de Cooperación para
rehabilitar inmobles de titularidade municipal e facilitar vivenda pública
• Tamén se trasladou a colaboración técnica do IGVS e Xestur no desenvolvemento do parque
empresarial, que será urbanizado pola Administración local
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.- A Xunta de Galicia colaborará co
Concello de Porto do Son no desenvolvemento de actuacións, promovidas pola Administración local, en
materia de vivenda e de solo empresarial.
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe
unha reunión co alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, na que tamén participou a tenente de
alcalde, María Maneiro, onde abordaron as condicións dun dos programas dirixidos aos concellos
galegos para rehabilitar inmobles de titularidade municipal e facilitar vivenda pública en
alugueiro, como é o Fondo de Cooperación.
García Porto recordou que o Goberno galego decidiu recentemente duplicar o capital do Fondo
de Cooperación ata os 20 millóns de euros, grazas aos que poderá seguir facilitando créditos sen
xuros aos municipios que desexan executar actuacións de conservación e rehabilitación de inmobles
municipais.
Asemade, tamén lle presentou un novo programa de préstamos de apoio ás entidades locais –d
otado con 3 millóns de euros-, que terá un funcionamento similar ao Fondo de cooperación; pero no
caso concreto desta nova iniciativa será facilitar aos concellos a liquidez necesaria para promover
ou comprar vivendas de nova construción dirixidas a alugueiro social.
Outro dos puntos abordados na reunión foi o desenvolvemento dun parque empresarial por parte
do Concello. Nese sentido, o director trasladou o seu compromiso de que o IGVS e a empresa pública
Xestur prestarán o apoio técnico para que desenvolva esta actuación no momento no que conclúa a
tramitación dunha modificación do seu plan xeral, para adaptar o futuro polígono ás necesidades
actuais.