Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta adxudica por 1,19 millóns de euros as obras para rehabilitar e construír cinco vivendas en Ferrol Vello

• Esta actuación enmárcase no programa Rexurbe, grazas ao cal o Goberno galego xa adquiriu 19 inmobles en Ferrol co obxectivo de obter 38 VPP e 4 locais comerciais
• O inicio dos traballos está supeditado á concesión das licenzas municipais, solicitadas ao Concello polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no mes de febrero


Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
.- A Xunta de Galicia investirá un total de 1.188.000 euros na rehabilitación do inmoble emprazado no número 8 da rúa Carme Curuxeiras, en Ferrol, e na construción dun edificio destinado a vivendas nos números 22-24 da mesma rúa.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaba de adxudicar o contrato para a execución de ambas obras á empresa Ogmios Proyecto, S.L., que disporá dun prazo de 15 meses para levar a cabo os traballos.

A adquisición, rehabilitación e construción destes inmobles por parte do organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está incluída no programa Rexurbe, posto en marcha no ano 2017 e no marco do cal o IGVS xa adquiriu un total de 19 inmobles no ámbito de Ferrol Vello. De feito, trátase do municipio no que a Xunta leva adquiridos máis edificios e solares ao abeiro deste programa co obxectivo de obter, unha vez estean completados os traballos e labores de construción, 38 novas vivendas públicas e 4 locais comerciais.

En todo caso, o inicio das obras de rehabilitación e construción adxudicadas na rúa Carme Curuxeiras queda condicionado á concesión das preceptivas licenzas de obra por parte do Concello de Ferrol. Ambas licenzas foron solicitadas o pasado 2 de febreiro polo IGVS, que contestou desde entón a todos os requirimentos realizados polos técnicos municipais.

Grazas ás obras contratadas obteranse cinco vivendas de promoción pública (VPP) destinadas a alugueiro social. Así, no caso do inmoble de Carme Curuxeiras número 8 rehabilitaranse 3 VPP, mentres que no número 22-24 construiranse 2 novas vivendas.

Cómpre lembrar que, ata o momento, o IGVS xa investira preto de 214.000 euros na adquisición destes dous inmobles e na redacción dos correspondentes proxectos de rehabilitación e construción, contía á que haberá que sumar o custo das obras que se acaban de adxudicar.