Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA SOLICITA AO GOBERNO CENTRAL RECONSIDERAR AS CONDICIÓNS QUE FIXA PARA A APLICACIÓN DOS FONDOS EUROPEOS de VIVENDA

• Ángeles Vázquez sinala que o Goberno galego está de acordo co reparto, pero os prazos e os requisitos esixidos aos beneficiarios non son asumibles nin para eles nin para a Administración autonómica
• Incide en que é contraditorio habilitar fondos para a recuperación, pero que o acceso aos mesmos sexa pouco atractivo e implique un maior esforzó


Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.-
A Xunta de Galicia solicita ao Goberno central que reconsidere, e modifique, as condicións que se fixan nos programas de vivenda dos fondos europeos de recuperación económica, porque a súa aplicación será complicada e pouco atractiva para os posibles beneficiarios.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá de forma telemática na Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo, acompañada polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García.

Este primeiro encontro coa nova ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, serviu para trasladar unha vez máis o acordo da Consellería co reparto dos fondos, dos cales a Galicia lle corresponden 94,5 millóns de euros. Non obstante, salientou que as bases e condicións polas que se rexen os programas non serán de interese nin serán demandados por parte dos potenciais solicitantes.

Nese sentido, concretou que un aspecto fundamental a corrixir é a contía das axudas que chegarán aos beneficiarios, “escasas, reducidas e sometidas á tributación fiscal”; polo que a priori non son un incentivo para fomentar a participación e acceso aos fondos, que deberán facer un esforzo maior para levar unha actuación subvencionable.

A modo de exemplo, indicou que unha persoa que decida levar a cabo unha actuación para un aforro enerxético poderá acceder a unha axuda de 4.800 euros, mentres o solicitante terá que achegar uns 12.000 euros. “Estas non van ser unhas axudas que queiran os galegos, porque se diminúen ata nun 50% as contías que antes tiñamos preestablecidas para rehabilitación”, sinalou a conselleira.

Na súa opinión, “non ten sentido falar de fondos de recuperación cando se poñen tantas dificultades, condicións e requirimentos” para a execución dos mesmos, que “o único que motivan é que as persoas, que vén un atractivo nesa axuda, avancen un paso cara a atrás no seu obxectivo”.

Así mesmo, advertiu que as contías non son o único elemento desalentador, tamén o son os prazos para a execución dos fondos. Indicou que o presente exercicio “xa é case un ano perdido” e, tendo en conta que no 2023 deberán estar aprobados os compromisos de gasto dos fondos asignados, “o horizonte que resta para a materialización dos fondos é claramente insuficiente e non permite perder nin un só día máis do prazo dispoñible”.

A conselleira de Medio Ambiente reiterou que esta postura é compartida co sector e os expertos. A Xunta mantivo un contacto permanente cos membros do Observatorio Galego da Vivenda e das oficinas de rehabilitación das ARI, para analiza e coñecer a súa opinión, co fin de achegar aquelas consideracións que redunden nunha efectividade e viabilidade na aplicación das medidas, como as trasladadas esta mañá.

“Atopámonos ante unha situación única para reactivar a economía, pero o Ministerio fai unha serie de esixencias que van repercutir directamente sobre o solicitante e por iso lle pedimos que reformulen as axudas. España non pode perder esta oportunidade”, concluíu Ángeles Vázquez.

Por todo o exposto no relativo á escaseza de fondos para os beneficiarios e á dificultade da súa aplicación, o Goberno galego optou por absterse na votación do acordo de distribución.