Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2021.- A ampliación de San Paio de Navia
impulsada pola Xunta para permitir a construción de 1.600 novas vivendas protexidas e reforzar así
a oferta residencial da cidade de Vigo terá moi en conta a accesibilidade tanto no deseño como na
execución das obras de urbanización deste ámbito.
Segundo figura nos proxectos correspondentes ás tres fases nas que se dividirán os traballos,
o 90% dos vieiros, dun total de 7 km proxectados en toda a urbanización, serán accesibles para
usuarios con algún tipo de discapacidade e, ademais, garantirase un percorrido practicable a todos
os equipamentos e áreas de lecer.
Entre as principais medidas e solucións construtivas previstas cómpre mencionar a instalación
de 74 vaos peonís elevados —todos os previstos no ámbito da ampliación— co que se evitará ter que
instalar bordos rebaixados; a colocación de bandas podotáctiles para advertir aos viandantes con
discapacidade visual de posibles perigos —escaleiras, ramplas de acceso a prazas reservadas para
persoas con mobilidade reducida, vaos...—; ou a instalación de beirarrúas e calzadas a cota en
todos os puntos de cruce e no viario vertebrador, con 1,3 km de lonxitude e no que se lle dará
prioridade a peóns e ciclistas.
Tamén están proxectadas 48 prazas de aparcamento para persoas con discapacidade, resaltaranse
os bordos das zonas axardinadas e diferenciarase o material das reixas dos alcorques —furados polo
xeral redondeados que se fan ao pé dunha planta ou árbore— para que sexan fáciles de detectar para
os usuarios de bastón branco.
Por último, no que respecta ao mobiliario urbano, primaranse os deseños e materiais
respectuosos co medio ambiente (de feito, os bancos fabricaranse a partir de plástico reciclado da
fracción de envases procedentes da recollida selectiva) e que, á vez, garantan o seu uso e desfrute
por parte de todos os usuarios.
En concreto, as fontes de auga e os 70 bancos que se distribuirán ao longo de toda a
urbanización serán accesibles, e no caso das áreas de lecer optarase tamén por tipos de mesas
adaptadas. Á hora de instalar este tipo de elementos, ademais, terase en conta que vaian sempre
colocados fóra dos itinerarios peonís, asegurándose de que teñam im espazo libre de obstáculos ao
seu redor.
Tramitación municipal das tres fases da urbanización
Cómpre lembrar que o pasado 11 de maio o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) remitiu ao
Concello de Vigo a documentación relativa ás tres fases nas que se dividirán as obras de
urbanización. A ampliación, polo tanto, está en mans do Goberno municipal, que terá que aprobar
inicialmente os proxectos para, de seguido, sometelos a exposición pública 30 días, solicitando
simultaneamente os informes sectoriais que correspondan.
Unha vez recibidos estes informes, a Administración local disporá dun máximo de tres meses
para proceder á aprobación definitiva dos proxectos das fases 1, 2 e 3, un paso indispensable para
poder licitar as obras. Neste sentido, cómpre lembrar que a aprobación dos proxectos de
urbanización facultará á Xunta a levar a cabo a expropiación dos terreos que non se puideron
adquirir aínda mediante compravenda ou permuta.
A tal fin, o IGVS iniciou xa a tramitación dos expedientes de expropiación o 6 de abril,
cando se publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se abriu o proceso de
información pública dos proxectos para facerse coa titularidade destas parcelas.
Unha vez adquirida a totalidade dos terreos necesarios para realizar a ampliación de San Paio
de Navia, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda procederá a
licitar a primeira fase da urbanización en San Paio de Navia. Deste xeito e tras executar estas
obras, en 2021 poderase iniciar a comercialización das primeiras parcelas para que empresas e
cooperativas se fagan coa titularidade dos terreos e iniciar así a edificación.
A ampliación do solo residencial en San Paio de Navia permitirá a construción dunhas 1.600
novas vivendas protexidas na cidade de Vigo, o que suporá un investimento de 250 millóns de euros
por parte de promotores públicos e privados sobre unha superficie de 265.000 metros cadrados que,
ademais de vivendas, acollerán zonas verdes, superficies de uso terciario e máis de 1.000 prazas de
aparcamento co obxectivo de que se converta nun barrio activo, verde e aberto para as familias que
decidan asentarse nel.