Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA SORTEA UNHA VIVENDA DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN MELIDE ENTRE OS INSCRITOS NO REXISTRO DE DEMANDANTES

• No sorteo, que se fará mañá, 8 de xuño, seleccionaranse cinco solicitantes e os que non resulten adxudicatarios quedarán nunha lista de agarda para futuras vacantes

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2021.-
A Xunta de Galicia realizará mañá, día 8 de xuño, o sorteo ante notaría dunha vivenda de promoción pública (VPP) no concello de Melide. Concretamente, trátase dunha vivenda que xa fora adxudicada con anterioridade e que agora se volve adxudicar unha vez que volveu a mans da Xunta.

A vivenda, emprazada na rúa José Cándido Paz Ares número 4, dispón de tres dormitorios, cunha superficie útil total de 79,32 metros cadrados. Ademais, conta cunha praza de garaxe e rocho.

No sorteo para proceder á súa adxudicación entrarán todos os solicitantes de vivenda protexida inscritos en Melide no Rexistro de Demandantes de Vivenda. De entre todos eles, seleccionarase a un total de cinco, quedando en lista de agarda para futuras vacantes aquelas persoas seleccionadas que non resulten adxudicatarias desta vivenda.