• O Consello de Administración de Xestur aprobou a sinatura do protocolo co concello da
Coruña para adiantar o pago de cotas de urbanización do barrio de Xuxán
• Tamén acordou prorrogar ata o 21 de decembro o prazo para a escrituración e pago das tres
parcelas adxudicadas a finais do ano pasado
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2021.- A Xunta de Galicia adiantará o pago de
3 millóns de euros para rematar as obras da primeira fase do parque Ofimático da Coruña. Deste
xeito, facilítase que a Administración local licite -e posteriormente, adxudique- as actuacións
correspondentes a esa primeira etapa.
O Consello de Administración da empresa pública Xestur, propietaria en nome da Xunta do 50
por cento do ámbito, aprobou hoxe nunha reunión a sinatura do protocolo de colaboración co concello
para axilizar as obras de remate da primeira fase do Ofimático, ás relativas ao barrio de Xuxán.
Segundo o establecido no protocolo, o Goberno galego facilitará a execución das obras
necesarias adiantando o pago correspondentes ás cotas 5ª e 6ª, por importe de 3 millóns, nun prazo
máximo de 45 días dende a sinatura do acordo.
Este protocolo é continuación do asinado en 2016 e polo que a Xunta adiantou o pago de 4,2
millóns de euros para facilitar que o concello puidese rematar as obras que actualmente xa están
executadas, o que proba a aposta decidida da Xunta pola promoción de solo residencial na Coruña,
destacando que a metade do mesmo, de titularidade autonómica, se destina a vivenda protexida e
vivenda de promoción pública.
Cómpre recordar que este protocolo tamén establece como compromiso por parte do Concelllo, a
axilización da contratación das obras de finalización da primeira etapa, informando a Xestur e á
Asociación Parque Ofimático 2010 do estado de tramitación e execución; mentres que esta última, se
compromete a colaborar coa Administración local na elaboración e xestión das derramas que
correspondan aos seus asociados e a cooperar na resolución dos conflitos que poida xurdir.
Por outra parte, o Consello de Xestur autorizou a prórroga do prazo para a sinatura de
escrituras das parcelas adxudicadas en outubro de 2020 no parque Ofimático para compensar os
problemas que a covid-19 está a causar aos adxudicatarios das mesmas. Esta medida, semellante á xa
adoptada para os adxudicatarios de solo empresarial, permitirá ampliar o prazo no que os
adxudicatarios deben escriturar e pagar as parcelas adxudicadas, que inicialmente era de oito meses
dende a adxudicación a agora queda ampliado ata 21 de decembro de 2021, previa solicitude e
xustificación por parte dos adxudicatarios.
En outubro de 2020 Xestur adxudicou tres parcelas do parque Ofimático destinadas á
construción de 194 novas vivendas protexidas por parte de promotores privados.