• Ángeles Vázquez avanza que o Instituto Galego da Vivenda e Solo vén de remitir o proxecto
da fase 1 ao Concello, para a súa aprobación definitiva coa que se poderá iniciar a urbanización e
comercialización do solo
• Destaca que a seguinte e máis inmediata tramitación deste proxecto recae entón na
administración local, que deberá sometelo a información pública e solicitar os informes sectoriais
• Recorda que este mesmo mes se iniciou tramitación para a expropiación dos terreos
necesarios para a ampliación zona residencial, co fin de obter 265.000 m2 necesarios para a
construción das vivendas previstas neste ámbito
Vigo, 28 de abril de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,
Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá ao Concello de Vigo compromiso e responsabilidade nos trámites
que debe abordar a administración local, unha vez que a Xunta de Galicia remitiu o proxecto de
urbanización da fase 1 ao Concello para obter a correspondente licencia.
A conselleira de Medio Ambiente avanzou en rolda de prensa, na que estivo acompañada pola
delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, este novo paso avanzado polo Goberno
galego para permitir que a cidade con maior demanda de vivenda, incremente a súa oferta en 1.600
novos fogares.
Explicou que agora o proxecto está nas mans do Concello, que deberá avanzar na seguinte
tramitación: aprobación inicial, sometemento a exposición pública por un prazo dun mes e petición
dos informes sectoriais; para volvelo a someter a aprobación de xeito definitiva.
Ángeles Vázquez recordou que -tal e como recolle a Lei do solo- a aprobación definitiva debe
facerse nun prazo máximo de tres meses, desde que remata a exposición pública e se reciben os
informes sectoriais e precisou que se non se emite resolución, o proxecto queda aprobado por
silencio administrativo.
Aclarou que a celeridade coa que se avance neste punto da tramitación recae no Concello de
Vigo, polo que solicitou precisión, e o máis importante, colaboración para que se pronuncie sobre a
aprobación definitiva ou que nos traslade aquelas cuestións que considere oportunas e evite demoras
innecesarias, tal e como sucedeu coa aprobación do Plan parcial de San Paio, pola que houbo que
esperar máis de dous anos.
Destacou que esta cidade necesita que San Paio de Navia sexa unha realidade canto antes, para
facer realidade a construción de 1.600 vivendas, para evitar a inmobilización de 250 millóns de
euros que require este proxecto e para dar vida a unha superficie de 265.000 m2, onde -ademais das
vivendas- se habilitarán zonas verdes, superficie de uso terciario, máis de 1.000 prazas de
aparcamento e un carril bici de dous quilómetros. É dicir, non priorizar este proxecto implica
paralizar o desenvolvemento dun barrio activo, verde e aberto para as familias, os mozos e os
colectivos con necesidades.
A Xunta comprometida con Vigo
A conselleira de Medio Ambiente destacou que o paso avanzado esta mañá unha nova mostra do
compromiso real e cuantificado do Goberno galego coa Cidade de Vigo, que se vén a sumar ao
compromiso anunciado este mesmo mes, co inicio do proceso de expropiación para a ampliación de San
Paio de Navia, en Vigo, ao que se destinarán 14,5 millóns de euros.
Este proceso, que aínda está en información pública, permitirá adquirir preto de 120.000 m2,
para dispoñer así da totalidade dos terreos —265.000 m2— nos que se prevé construír 1.600 vivendas
de protección pública. Coa adquisición de máis de 200 parcelas nos tres polígonos nos que se divide
a ampliación do plan parcial e, tras a súa urbanización, poderase iniciar a construción de novas
vivendas.
Na rolda de prensa, tamén se explicaron algúns detalles sobre o proxecto de urbanización da
fase 1, como a definición dun viario, que será eixe vertebrador de todo o ámbito e que conectará as
distintas etapas de norte a sur e onde iran aparecendo todos os usos dando lle prioridade ao peón.
En canto ás infraestruturas viarias, mellorarse a conexión co núcleo de Navia, acondicionando
o viario que une a alameda coa alameda prevista no proxecto e se elimina a conexión coa rúa Xuncal
para vehículos, co fin de preservar a carballeira existente.
Así, San Paio de Navia será a nova bolsa verde de Vigo, pois se ordenará a vexetación
dispersa existente e se introduciran especies autóctonas, debuxando espazos públicos de relación
que dan servizo á nova trama residencial como aos veciños de San Paio; que tamén poderán facer uso
dun carril bici de dous quilómetros con pendentes suaves que recorre o barrio de norte a sur e que
se poderá conectar coa senda verde do paseo de Lagares, ao sur, e coa Avenida de Europa, ao Norte,
cara á praia de Samil.
Por último, Ángeles Vázquez reiterou que esta folla de ruta clara e definida é unha mostra da
aposta decidida do Goberno galego para incrementar a oferta de vivenda protexida en Vigo, a cidade
galega con maior demanda residencial.