Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE TRASLADA AO CONCELLO DE OÍMBRA AS DISTINTAS LIÑAS PARA INCREMENTAR O PARQUE MUNICIPAL DE VIVENDAS PÚBLICAS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión por videoconferencia coa rexedora municipal, á que lle brindou a colaboración do Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar neste obxectivo en materia de vivenda
• Recorda que pode acceder a incentivos do Fondo de Cooperación co concello, do programa de rehabilitación de vivendas municipais ou apostar pola construción de vivendas modulares

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2020
.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicoulle á alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, as distintas posibilidade ao alcance da Administración local para aumentar o parque actual de vivendas públicas neste concello ourensán. Vázquez Mejuto e Villarino Pardo mantiveron unha reunión por videoconferencia, na que abordaron os distintos programas e liñas de actuación do Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar neste obxectivo.

Ángeles Vázquez recordou que un dos mecanismos aos que pode acceder Oímbra é o Fondo de Cooperación cos concellos, un instrumento para apoiar aos municipios de menos de 50.000 habitantes, a partir do cal se lle facilita ás entidades locais -neste caso ao Concello de Oímbra- o financiamento necesario para acometer proxectos mediante a concesión de préstamos sen xuros.

Outra opción é habilitar nova vivenda a través do programa de construción de vivendas modulares, xa que é unha fórmula construtiva que permite acurtar os prazos e reducir a xeración de residuos. Recordou que esta vía foi adoptada por outro concello da mesma provincia, o de Cenlle, grazas a cal definirá un novo barrio sostible e acolledor para seis novas familias.

Por outro lado, no caso de que o concello aposte pola rehabilitación, dispón do programa de vivendas municipais que está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal para alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de vivendas xa existentes. Recordou que desde a súa posta en marcha, no ano 2017, se facilitou a rehabilitación de 125 vivendas ao abeiro deste programa.

A conselleira de Medio Ambiente brindou a total colaboración do Instituto Galego de Vivenda e Solo, tanto no asesoramento técnico coma no apoio económico, ao abeiro das axudas que se convoquen ao longo do presente ano.