Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

OS PRAZOS PARA PRESENTAR AS SOLICITUDES DE AXUDAS EN MATERIA DE VIVENDA QUEDAN EN SUSPENSO MENTRES DURE O ESTADO DE ALARMA

• Os prazos volverán a activarse unha vez remate a situación excepcional
• En todo caso, o Instituto Galego de Vivenda e Solo continuará coa tramitación de axudas para facilitar un fogar a aqueles colectivos sociais máis desfavorecidos e en situación de vulnerabilidade


Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020
.- En cumprimento das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia con motivo da declaración do Estado de alarma, os prazos para a presentación de solicitudes das distintas liñas de axudas convocadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo quedan en suspenso durante o tempo que dure esta situación.

O cómputo dos prazos volverá a activarse unha vez se volva á normalidade.

Esta medida é aplicable a todas as axudas en materia de vivenda que se atopan en prazo de solicitude actualmente, afectando especialmente a aquelas cuxos prazos remataban nas próximas semanas.

Actualmente as liñas de axudas para as que se poden presentar solicitudes son as seguintes:

• Axudas para mellora da eficiencia enerxética, sustentabilidade, conservación e mellora da seguridade e accesibilidade das vivendas
• Áreas de rehabilitación dos Camiños de Santiago e das Illas Atlánticas.
• Axudas a promotores de vivendas para alugueiro
• Préstamos para rehabilitación de vivendas
• Axudas para adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes
• Axudas para adquisición de vivendas en centros históricos
• Bono de alugueiro social
• Programa de Infravivenda
• Rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal

Por outro lado, o Instituto Galego de Vivenda e Solo mantén a tramitación das axudas para aqueles colectivos sociais máis desfavorecidos e en situación de vulnerabilidade, así como as vítimas da violencia de xénero, ao abeiro do programa Bono de alugueiro social.