• O Diario Oficial de Galicia publica hoxe dúas resolucións polas que se acorda comezar o
proceso selectivo das persoas beneficiarias destas VPP na cidade departamental e doutra vivenda
protexida no Concello de Ames
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020-. A Xunta de Galicia vén de iniciar o
procedemento para a adxudicación dun total de 11 vivendas de promoción pública (VPP) no Concello de
Ferrol. Así consta na resolución da Comisión Provincial de Vivenda que publica hoxe o DOG e pola
cal se acorda o inicio do proceso de selección dos adxudicatarios.
As vivendas serán adxudicadas mediante sorteo público que se celebrará o vindeiro 24 de marzo
entre os demandantes ferroláns que estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de
Galicia na data de inicio do procedemento, é dicir, 19 de febreiro.
Concretamente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará estas
vivendas, localizadas en Fonte da Greza, a menores de 35 anos ou maiores de 65. Trátanse de
vivendas de 1 e 2 dormitorios dirixidas a familias con entre un e catro membros. Unha delas,
ademais, está adaptada para persoas con mobilidade reducida, polo que se reservará para persoas cun
grao de discapacidade recoñecido.
A adxudicación farase en réxime de alugueiro e os contratos terán unha duración inicial de
sete anos. O importe mensual do arrendamento, aínda que dependerá do tamaño da vivenda, moverase
sempre por debaixo dos 64 euros ao mes.
Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos
taboleiros de anuncios do concello e do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) así como na
páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a
presentación de posibles reclamacións.
Unha VPP en Ames
Por outra banda, o DOG tamén publica hoxe outra resolución pola que se inicia o proceso
selectivo da persoa adxudicataria dunha VPP localizada no Concello de Ames, concretamente na rúa
Rosalía de Castro. A vivenda conta cunha superficie útil de 88,7 metros cadrados, tres habitacións,
rocho e garaxe.
Neste caso, a adxudicación entre todas as persoas que estean inscritas neste municipio no
Rexistro de Demandantes de Vivenda poderá ser en réxime de propiedade ou de arrendamento. O sorteo
realizarase tamén o día 24 de marzo.