• Por primeira vez, o solo residencial poderá adxudicarase en dereito de superficie ademais de
en compravenda
• Terán preferencia os proxectos destinados a vivendas para alugueiro
• Os adxudicatarios terán catro meses de prazo para solicitar licenza de edificación e 30,
dende que obteñan a licenza, para construír as vivendas
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia pon máis de
45.000 metros cadrados de solo residencial urbanizado a disposición dos promotores e cooperativas
interesados en promover vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Os
interesado poden acceder ao prego de bases e relación de parcelas ofertas a través da páxina web de
Xestur ou nas oficinas da empresa pública.
A adxudicación das parcelas poderá realizarse en réxime de compravenda ou, por primeira vez,
en dereito de superficie. Esta segunda forma de adxudicación, que supón o pago dun canon anual
reducido polo uso do solo, supón unha novidade nos concursos de venda de solo residencial
propiedade da Xunta de Galicia, xa que ata o de agora unicamente se ofrecía solo en réxime de
compravenda.
As parcelas que se adxudiquen en dereito de superficie destinaranse obrigatoriamente á
construción de vivendas protexidas para alugueiro, en réxime especial ou réxime xeral. O dereito de
superficie terá unha duración de 30 anos.
Para a adxudicación das parcelas terán preferencia as ofertas que vaian destinadas á
construción de vivendas en alugueiro. No caso de empate entre dúas ou máis ofertas, valorarase a
proposta arquitectónica, as solucións bioclimáticas e de sostibilidade, eficacia enerxética e
outras melloras ofertadas.
Os adxudicatarios das parcelas terán a obrigación de solicitar a licenza de edificación no
prazo máximo de catro meses dende a formalización da escritura e as vivendas deberán construírse e
cualificarse como protexidas no prazo máximo de 30 meses dende a concesión da licenza de
edificación.
No conxunto das cidades, ofrécense en total 24 parcelas que permitirán a construción de case
1.500 vivendas protexidas para as familias galegas.
Concretamente, no parque Ofimático da Coruña ofrécense 10 parcelas, con edificabilidade para
un total de 518 vivendas protexidas; en Ferrol a oferta comprende 8 parcelas emprazadas no Bertón,
cunha edificabilidade de 414 vivendas protexidas; e en Lugo son dúas parcelas as dispoñibles en
Garabolos, con edificabilidade para 370 vivendas. Finalmente, en Pontevedra existen catro parcelas
en Valdecorvos, con edificabilidade para 137 vivendas protexidas.