• Trátase de adaptar este ámbito ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo
empresarial na zona de Pontevedra
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, iniciou os trámites para a
modificación do proxecto sectorial da Cidade do Transporte de Ponte Caldelas, co fin de adaptalo ás
necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial na zona de Pontevedra.
Con esta modificación búscase adaptar a configuración e a normativa da Cidade do Transporte,
co obxectivo de dinamizar a implantación de novas empresas ou o traslado ou ampliación doutras xa
existentes e que necesiten solo urbanizado para o desenvolvemento dos seus proxectos.
Así, a modificación do proxecto sectorial incidirá na parcelación e usos das parcelas e en
cuestións puntuais como a alineación das naves que se constrúan nas mesma ou na mellora dos
servizos e dotacións das parcelas do parque empresarial.
O IGVS convocará proximamente reunións cos representantes municipais de Ponte Caldelas e coas
asociacións do sector (transportistas e empresarios) co obxectivo de por en común os diferentes
aspectos que se abordarán a través desta modificación.
Actualmente, a Xunta dispón en Ponte Caldelas do parque empresarial da Reigosa e da Central
de Transportes, que se atopan apegadas.
No parque empresarial da Reigosa están dispoñibles 14 parcelas, cunha superficie total de
máis de 136.000 metros cadrados, mentres que a Central de Transportes ofrece máis de 37.000 metros
cadrados. Nos dous casos a bonificación do prezo de venda é do 30 por cento.
Dende 2016 a Xunta adxudicou preto de 38.000 metros cadrados de solo bonificado en Ponte
Caldelas. A bonificación sobre o prezo de venda dos mesmos foi de preto de 950.000 euros.