Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ADXUDICADOS 24.000 METROS CADRADOS NO PARQUE EMPRESARIAL DE MOS A TRAVÉS DA DECLARACIÓN DUN PROXECTO EMPRESARIAL SINGULAR PRESENTADO POLA ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS

• O consello de administración de Xestur declarou proxecto empresarial singular o presentado por Aemos para a adxudicación de 18 parcelas a empresas vinculadas ao sector da automoción
• Prevese un investimento total de máis de 10 millóns de euros, incluído o custe de adquisición dos terreos
• A meirande parte das parcelas (15) adxudícanse en compravenda e as tres restantes en dereito de superficie


Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia declarou proxecto empresarial singular a proposta presentada pola asociación de empresarios de Mos (Aemos) para a adxudicación de 18 parcelas a un grupo de empresas principalmente vinculadas ao sector da industria do automóbil e auxiliares.

Ao mesmo tempo que declarou o proxecto empresarial singular, o Consello de Administración de Xestur Galicia adxudicou as 18 parcelas incluídas no mesmo, que compoñen media mazá do parque empresarial e que teñen unha superficie total de 24.000 metros cadrados e parcelas con superficies comprendidas entre 1.245 e 1.985 metros cadrados.

As 18 parcelas adxudícanse a un total de 11 empresas, xa que cinco dela solicitaron dúas ou máis parcelas. Dese total, 15 parcelas (10 empresas) adxudícanse en réxime de compravenda, cun prezo total de 2.048.550 euros, despois de aplicar sobre o prezo de venda a bonificación do 30 por cento vixente no parque de Mos, o que supón unha redución de 877.950 euros.

As tres parcelas restantes adxudícanse a unha única empresa en dereito de superficie, cun canon anual de 10.102,5 euros. A empresa adxudicataria en dereito de superficie poderá adquirir as parcelas no futuro se o desexa.

Nove das empresas adxudicatarias están relacionadas co sector da automoción, e as outras dúas co metal e a pedra.

O investimento total previsto rolda os oito millóns de euros destinados á construción de instalacións e dotación das mesmas, polo que sumado ao custe do solo o investimento total supera os 10 millóns de euros, o que permitirá a creación de arredor de 40 novos postos de traballo.

Dende que en 2015 se implantou a bonificación do 30 por cento sobre o prezo, no parque empresarial de Mos adxudicáronse, ademais dos 24.000 metros cadrados adxudicados hoxe, outros 119.414 metros cadrados de solo, dos que 99.530 metros cadrados foron adxudicados en compravenda (cunha bonificación de 4.521.120 euros) e 19.884 metros cadrados foron adxudicados en dereito de superficie.

Actualmente hai dispoñibles para adxudicación nove parcelas, cunha superficie total de 41.819 metros cadrados