◾O nome dos adxudicatarios provisionais e a orde dos posibles reservas pódense consultar na web
do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
◾As dúas novas promocións do CCVV supuxeron para este organismo un investimento en conxunto
de 370.000 euros
Vigo, 27 de marzo de 2019.- A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e
Solo (IGVS), sorteou hoxe na sede da Delegación de Vigo dúas novas vivendas de protección
autonómica rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, nos edificios Cruz Verde 8 e
Ferrería 8, nun acto no que estivo presente o presidente do organismo rehabilitador e delegado da
Xunta, Ignacio López-Chaves.
O nome dos adxudicatarios provisionais, así como a orde dos posibles reservas, quedou
establecido esta mañá ante notario.
Concretamente, a edificación de Cruz Verde 8 permitiu a creación dunha vivenda unifamiliar de
tres dormitorios distribuída en planta baixa e tres pisos, e conta tamén cun pequeno patio
posterior cara ao que se orientan as zonas de servizo. A planta baixa é unha área de apoio para a
vivenda e alberga, ademais do espazo propio para o recibidor e o oco da escaleira, un despacho e un
pequeno almacén. Trátase da segunda promoción do CCVV nesta rúa.
En canto a Ferrería 8, distribúese en planta semisoto, planta primeira e planta segunda baixo
cuberta. Consta de dous dormitorios, de aproximadamente 11 e 15 metros cadrados, dous aseos, un
baño, un estudo e un lavadoiro. A superficie construída total é de 178,84 metros cadrados, dos
cales 111,35 son útiles. O edificio ten tres fachadas, abertas ás rúas Ferrería e Baixada a Herba e
supón o sétimo dos inmobles rehabilitados polo ente nesta rúa.
As dúas novas promocións do CCVV supuxeron para este organismo un investimento en conxunto de
370.000 euros.
Nos próximos días o CCVV poñerase en contacto con todos os aspirantes para que poidan visitar
as vivendas sorteadas e confirmar o seu interese na adquisición, seguindo a orde hoxe establecida,
ou renunciar á mesma. Con posterioridade abrirase un prazo de 45 días para tramitar todo o relativo
ao financiamento e documentación da compra, momento no que se procederá á entrega definitiva das
chaves por parte do promotor.