Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE INVESTIRÁ PRETO DE CINCO MILLÓNS NA COMPRA E REHABILITACIÓN DE 13 INMOBLES NO CASCO HISTÓRICO DE FERROL

• Esta operación enmárcase no programa Rexurbe, unha iniciativa impulsada este ano polo IGVS co fin de adquirir edificios en estado de abandono nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo para destinalos a vivendas protexidas
• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que o seu departamento ten comprometidos case 11 millóns de euros en diferentes actuacións e proxectos a futuro que porán a disposición dos veciños de Ferrol Vello 38 novas vivendas protexidas e 1 local comercial
• Tamén salienta os 7,46 millóns de euros executados ou previstos en axudas para accións de recuperación das catro áreas de rehabilitación integral do concello

Ferrol, 11 de decembro de 2018-. A Xunta investirá preto de cinco millóns de euros na adquisición e rehabilitación dun total de 13 inmobles localizados no casco histórico de Ferrol co fin de destinalos a vivendas protexidas. O obxectivo é pechar a operación de compra antes de que remate o ano, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita á cidade.

Estas novas actuacións enmárcanse no chamado programa Rexurbe, unha iniciativa pioneira impulsada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) co fin de adquirir para rehabilitar edificios en estado de abandono e deteriorados nos concellos de Ferrol, Betanzos, Ourense e Lugo. Con este obxectivo, Vázquez Mejuto explicou que o instituto sacou a comezos de ano unha oferta pública para a compra de inmobles e tras analizar todas as propostas recibidas en Ferrol, escolleu un total de 13 edificios que prevé mercar antes de que remate decembro por un total de 900.000 euros.

A esta cantidade engadiranse os catro millóns de euros reservados para acometer as obras de restauración necesarias para poder destinar estes inmobles a vivenda protexida. Neste sentido, a conselleira concretou que grazas ás actuacións previstas no marco do Rexurbe e a outros dous proxectos que o IGVS ten xa en marcha no casco histórico, os ferroláns terán á súa disposición 38 novas vivendas protexidas e 1 local comercial, que se sumarán aos outros 12 pisos xa restaurados nesta zona por Xestur.

A estes novos proxectos en materia de rehabilitación no casco histórico cómpre sumar tamén o investimento realizado e previsto co fin de poñer en valor a área de rehabilitación integral (ARI) da Madalena e Ferrol Vello. En total, a consellería destinará a esta zona 10,73 millóns de euros, incluídos os case cinco millóns de euros comprometidos para o Rexurbe, o medio millón que se investirá nos dous proxectos xa redactados para conseguir catro vivendas de protección e un local nas rúas Argüelles e Virxe, e os máis de cinco millóns executados nos últimos anos ou en execución para axudas dentro da ARI.

Máis alá das actuacións en marcha e previstas en Ferrol Vello, Ángeles Vázquez salientou o esforzo realizado polo seu departamento en materia de vivenda no conxunto deste municipio. Concretamente, referiuse ao importante investimento comprometido en rehabilitación nas catro ARIS da cidade: Madalena e Ferrol Vello, Barrio da Graña, Barrio de Esteiro Vello e Barrio de Recimil.

Estas catro zonas, engadiu, recibirán un importante pulo a través dos 7,46 millóns de euros executados xa ou comprometidos en axudas a particulares para acometer a rehabilitación dos seus inmobles.

Aposta decidida pola rehabilitación
A aposta da Xunta polas medidas para garantir a recuperación do patrimonio xa construído terá o seu reflexo nos orzamentos do próximo ano. Así o salientou a conselleira, quen lembrou que este capítulo recibirá un pulo importante ao dispoñer de 36 millóns para financiar os distintos programas e axudas á rehabilitación promovidos polo IGVS. Neste sentido, resaltou que as partidas reservadas para este tipo de actuacións creceron só nos dous últimos anos un 20%.

O esforzo económico da Xunta verase tamén reforzado coas novidades normativas nas que traballa o seu departamento. Ángeles Vázquez referiuse concretamente á futura Lei de Rehabilitación, a primeira de Galicia e cuxa tramitación continúa avanzando co fin de axilizar e mellorar os procedementos necesarios para impulsar este tipo de actuacións.