Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA PUBLICA HOXE NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA A OFERTA DA PERMUTA DE TERREOS POR EDIFICABILIDADE PARA A AMPLIACIÓN DO SOLO RESIDENCIAL DE SAN PAIO DE NAVIA, EN VIGO

- O Goberno galego é actualmente o titular de máis do 50% dos terreos deste ámbito
- Os propietarios de solo interesados en permutar os seus terreos por edificabilidade disporán dun prazo de dous meses para presentar as súas ofertas
- Os terreos que non se adquiran por permuta serán obxecto de expropiación unha vez que se aprobe definitivamente a modificación do plan parcial
- A ampliación de San Paio de Navia permitirá a construción de case 1.600 vivendas protexidas
- No segundo semestre deste ano redactarase o proxecto de urbanización e as obras iniciaranse en 2019


Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018.- A Xunta de Galicia adquirirá solo para a ampliación da urbanización de San Paio de Navia, en Vigo, a través da permuta do mesmo por edificabilidade, tal como recolle a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

Os propietarios de solo interesados en permutar os seus terreos por edificabilidade disporán dun prazo de dous meses para presentar as súas ofertas. No seguinte enlace ao DOG, máis información: https://bit.ly/2qK5Olg

A superficie mínima das propostas deberá alcanzar os 250 metros cadrados, pero existe a posibilidade de agrupar varias parcelas, aínda que sexan de diferentes propietarios, nunha mesma proposta.

En contrapartida polos terreos, os permutantes recibirán os dereitos de edificabilidade que lles correspondan. Cada metro cadrado de terreo aportado permutarase por 0,6 metros de edificabilidade nas parcelas destinadas a vivendas unifamiliares, 0,23 ou 0,25 metros de edificabilidade nas parcelas de uso terciario e 0,57 metros cadrados de edificabilidade no resto dos casos. Nas ofertas deberase facer constar as mazás ou parcelas de resultado nas que se pretende materializar a edificabilidade.

Con esta oferta de permuta a Xunta avanza no proceso de adquisición de solo, despois da oferta pública de adquisición realizada en 2016. Actualmente a Xunta de Galicia é propietaria de 136.246 metros cadrados, que supoñen máis da metade dos 265.036 metros cadrados do ámbito da ampliación do solo residencial de San Paio de Navia.

Unha vez remate a fase de permuta, a solo restante adquirirase por expropiación despois da aprobación definitiva da modificación do plan parcial, que se atopa en tramitación.

Ao mesmo tempo, no segundo semestre de 2018 redactarase o proxecto de urbanización, co obxectivo de iniciar as obras en 2019. A ampliación de San Paio de Navia permitirá a construción de preto de 1.600 vivendas protexidas.