- O obxectivo do cambio é incrementar os posibles usos do solo, dotándoo de flexibilidade para
adaptalo á evolución da demanda
- Desde o 2009 adxudicáronse máis de 261.000 metros cadrados neste parque, convertido nun
importante polo de desenvolvemento económico do sur da provincia
- Na actualidade están á disposición dos empresarios interesados 18 parcelas que suman máis
de 130.000 metros cadrados, ofertados para venda con bonificación do 30% do solo ou en dereito de
superficie
Santiago, 10 de abril de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica
hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva da modificación puntual do proxecto
sectorial do parque empresarial da Veigadaña, en Mos, para adaptalo á demanda actual.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información da resolución publicada hoxe:
https://bit.ly/2GMuAeL
Cómpre lembrar que o Consello da Xunta aprobou o pasado 8 de marzo esta modificación puntual
co obxectivo de adecuar as súas ordenanzas á demanda existente en dito parque empresarial.
A modificación puntual do proxecto sectorial incide sobre determinadas magnitudes da
ordenación do parque empresarial, como a superficie mínima das parcelas e as condicións de
parcelación, os usos predominantes e compatibles do solo do parque empresarial. Neste sentido,
increméntanse os posibles usos do solo dotándoo de flexibilidade para adaptalo á evolución da
demanda.
No parque empresarial de Mos adxudicáronse desde 2009 máis de 261.000 metros cadrados de solo
empresarial en compravenda ou dereito de superficie, o que converte a este parque empresarial nun
importante polo de desenvolvemento económico do sur da provincia de Pontevedra.
Actualmente no parque empresarial de Mos existen 18 parcelas dispoñibles para a venda ou
adxudicación en dereito de superficie. A superficie total das mesmas é de 131.780 metros cadrados.
O prezo das parcelas do parque empresarial de Mos está bonificado nun 30 % e tamén se poden
adxudicar en dereito de superficie, cun canon anual dende 2,12 euros por metro cadrado os dous
primeiros anos.