- Vázquez Mourelle avanza que o Goberno galego convocará este mes unha nova orde de axudas, co
dobre de orzamento, 2,5 millóns de euros e cubrindo ata o 60% da instalación, de forma compatible
con outras subvencións
- Lembra que a primeira convocatoria específica posibilitou a instalación de ascensores en
máis de 400 vivendas en Galicia
- A conselleira lembra que o Goberno galego está apostando pola rehabilitación de vivendas
en Ourense, con varias obras en marcha no casco vello e coa oferta de compra de inmobles en mal
estado no marco do programa Rexurbe
Ourense, 14 de marzo de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel
Vázquez, xunto co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou hoxe esta cidade, na que un total de
22 comunidades de propietarios foron beneficiadas das axudas do Goberno galego para a instalación
de ascensores, por un importe superior aos 545.000 euros, mellorando a accesibilidade de preto de
170 familias.
Vázquez Mourelle achegouse hoxe á Comunidade de Propietarios da rúa Cabeza de Manzaneda, 7,
un edificio dos anos 60 con 8 vivendas que non dispoñía de ascensor, polo que optaron ás axudas da
Xunta, neste caso dúas ordes, a de ascensores e a de rehabilitación edificatoria, e cubriron o 100%
do custo, case 48.000 €. Dende finais do pasado ano, xa o teñen en pleno funcionamento.
Explicou que esta primeira convocatoria tivo unha moi boa acollida xa que, en toda Galicia,
posibilitou a instalación de ascensores para máis de 400 vivendas. Concretou que debido a este
éxito, a Xunta redobra os esforzos e convocará este mes estas subvencións co dobre de investimento,
2,5 M€ para beneficiar a 850 vivendas.
O Goberno galego mantén os mesmos requisitos en canto a beneficiarios, tipo de actuacións
subvencionables ou á contía de axudas que con carácter xeral cubrirán o 60% do custo da actuación e
seguirán a ser compatibles con outras destinadas a este mesmo fin.
A titular de Vivenda lembrou que a Xunta de Galicia está facendo un gran esforzo pola
rehabilitación de vivendas na cidade de Ourense, con varias obras en marcha no casco vello.
Ademais, o Executivo autonómico tamén vén de lanzar a oferta de compra de inmobles en mal estado no
marco do programa Rexurbe.
Indicou que ao falar de rehabilitación non só se fai referencia a recuperar inmobles
históricos, senón a modernizar edificios que, sen ser antigos, van necesitando mellorar algúns
aspectos como, por exemplo, a accesibilidade, a través da instalación de ascensores.