Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A responsable de Infraestruturas visitou hoxe en Santiago as obras de mellora da eficiencia enerxética nas VPP de Belvís, Ponte Pereda e As Cancelas-Mallou

A XUNTA DE GALICIA INVISTE UN TOTAL DE 855.000 EUROS NA MELLORA DE 116 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA PARA INCREMENTAR A SÚA EFICIENCIA ENERXÉTICA

- A responsable de Vivenda do Goberno galego destacou que estas actuacións suporá unha mellora na calidade de vida e no día a día dos veciños
- Estes traballos enmárcanse na aposta que desde a Xunta se está a facer pola rehabilitación, a través de distintos programas, que contan co financiamento de fondos Feder
- Ethel Vázquez destacou que, nos vindeiros meses comezaranse os traballos de mellora da eficiencia enerxética noutras 122 vivendas de promoción pública en Melide, Becerreá e Vigo
- Tamén, este ano, licitaranse 4 novas actuacións de mellora da eficiencia enerxética e acondicionamento interior de vivendas por importe de 2 millóns de euros


Santiago, 10 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia ten investido un total de 855.000 euros na mellora de 116 vivendas de promoción pública en Santiago, con actuacións en elementos como fachadas, cubertas, claraboias, entre outras, para incrementar, como mínimo, nun 20% a súa eficiencia enerxética, co fin de que estes inmobles sexan máis sustentables desde o punto de vista medioambiental.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, ofreceu estes datos no transcurso dunha visita que realizou hoxe para supervisar o estado das obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas de promoción pública de Belvís, Ponte Pereda e As Cancelas-Mallou.

A responsable de Vivenda do Goberno galego destacou que a repercusión positiva desta estas actuacións suporá unha mellora na calidade de vida e no día a día dos veciños e aclarou que estes traballos enmárcanse na aposta que desde a Xunta se está a facer pola rehabilitación, a través de distintos programas, que contan coa financiado con fondos Feder.

Ethel Vázquez destacou que, no marco deste programa, nos vindeiros meses comezaranse os traballos de mellora da eficiencia enerxética noutras 122 vivendas de promoción pública en Melide, Becerreá e Vigo e tamén, neste 2018, licitaranse 4 novas actuacións de mellora da eficiencia enerxética e acondicionamento interior de vivendas por importe de 2 millóns de euros.

Uns traballos de reparación e mellora que incidirán positivamente na calidade de vida dos veciños que habitan estes inmobles promovidos pola Xunta de Galicia e adxudicados, maioritariamente, en réxime de alugueiro.

Concretamente, nas Cancelas actuouse en 21 vivendas, onde se realizaron traballos de revestimento da fachada, coa colocación dun sistema de illamento térmico polo exterior, moi eficiente desde o punto de vista enerxético. Ademais, reparáronse as cubertas e renováronse as claraboias.

Así mesmo, a conselleira explicou que xa concluíron as melloras levadas a cabo en 25 inmobles de promoción pública de Pontepereda, onde se procedeu ao revestimento exterior da fachada, colocando o sistema de illamento térmico antes mencionado; adaptáronse as carpinterías exteriores; e reparáronse e pintáronse as varandas das terrazas.

Por último, Vázquez Mourelle remarcou que, neste momento, están en execución obras noutros 5 edificios, nun total de 70 vivendas de promoción pública, en Belvís, actuación que ten por obxecto incrementar a eficiencia enerxética, a través da colocación dun sistema de illamento térmico exterior na fachada. Neste caso, estarán rematadas o vindeiro mes de abril.