Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

INICIADO O PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE 14 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ

- Adxudicaranse 14 vivendas vacantes e elaborarase unha lista de adxudicatarios para as vivendas que poidan quedar dispoñibles nos próximos meses.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia adxudicará 14 vivendas de promoción pública actualmente vacantes no concello de As Pontes, unha vez que a Comisión Provincial de Vivenda iniciou os trámites para o sorteo entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda na localidade.

As vivendas a sortear están vacantes despois da renuncia dos seus adxudicatarios anteriores e están destinadas específicamente a menores de 35 anos ou maiores de 65, en réxime de alugueiro.

O proceso iniciado permitirá ademais elaborar unha lista de adxudicatarios paras as vivendas que queden vacantes nos próximos meses, de maneira que a adxudicación se realice o antes posible.

No sorteo, que se celebrará o 19 de febreiro próximo, extraeranse 40 expedientes do Rexistro de Demandantes cos que, unha vez examinada a documentación para comprobar que cumpren os requisitos establecidos, se elaborará unha lista de adxudicatarios. Unha vez publicada esta lista na web do IGVS e no taboleiro de anuncios do concellos, os interesados poderán presentar as alegacións que consideren oportunas.

A entrega das 14 vivendas actualmente dispoñibles realizarase unha vez rematado o proceso de adxudicación e todos os trámites previos. No caso de renuncia dalgún adxudicatario a vivenda correspondente adxudicarase ao primeiro da lista de espera.