Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA UNHA VIVENDA EN MOAÑA A UNHA FAMILIA QUE SE ATOPA EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL

- A Comisión Provincial de Vivenda vén de aprobar a proposta de adxudicación deste inmoble cedido por Abanca para destinalo a alugueiro social
- A Xunta tamén adxudicará outra vivenda, da súa propiedade, no poboado de Fontao, no Concello de Vila de Cruces, a unha familia deste municipio con dificultades de acceso a un fogar
- No que vai de 2017, o Goberno galego xa realoxou a 66 familias en vivendas propiedade da Xunta ou cedidas por Abanca, Sareb e CaixaBank
- Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos máis de 1.200 casos en Galicia

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017
.- A Xunta de Galicia adxudicará unha vivenda no Concello de Moaña a unha familia de Vigo, con menores, en risco de exclusión social, unha vez que a Comisión Provincial de Vivenda celebrada onte aprobou a proposta de adxudicación.

A vivenda, que se entregará ao asinar o o contrato, foi cedida ao Goberno galego por Abanca para ser destinada a alugueiro social.

A Xunta de Galicia tamén adxudicará outra vivenda, da súa propiedade, no poboado de Fontao, no Concello de Vila de Cruces, a unha familia deste mesmo municipio con menores ao cargo e graves dificultades de acceso a un fogar.

No que vai de 2017, a Xunta xa realoxou a 66 familias en vivendas da súa propiedade ou cedidas por Abanca, Sareb e CaixaBank, o que supón un inmoble adxudicado cada catro días. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola administración autonómica.

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas polo Goberno galego fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda xa foron atendidos máis de 1.200 casos en toda Galicia.