Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda agarda a máxima implicación do Concello da Coruña nesta iniciativa social, e pide que non se volva repetir unha demora de nove meses na resposta á solicitude de licenza para executala

A XUNTA TRABALLA XA NA MODIFICACIÓN DO PROXECTO COA FIN DE INICIAR O ANTES POSIBLE A CONSTRUCIÓN DE 40 VIVENDAS PÚBLICAS NO PARQUE OFIMÁTICO DA CORUÑA

 

  • O Instituto Galego da Vivenda e Solo, que defende a estrita corrección xurídica do proxecto, mantén como obxectivo prioritario a construción das vivendas sociais que A Coruña necesita

  • A Xunta incorporará ao documento técnico os condicionantes do Concello sen reducir o número de 40 vivendas sociais previstas

  • Iso obrigará a desprazar os rochos a un andar soto, cun incremento do orzamento inicialmente previsto de 5,5 millóns de euros

  • A modificación suporá tamén destinar o andar baixo a locais comerciais sen que exista demanda acreditada para os mesmos

  • A dilación na resposta municipal á solicitude de licencia por parte da Xunta impedirá executar este ano a partida orzamentaria reservada á construción de vivenda pública na Coruña

 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017.- A Xunta xa está a traballar na modificación do proxecto para poder construír o antes posible 40 vivendas de promoción pública no Parque Ofimático da Coruña. Unha vez iniciada a modificación do proxecto, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda agarda a máxima implicación do Concello da Coruña nesta iniciativa social, e pide que non se volva repetir unha demora de nove meses na resposta á solicitude de licenza para executala.

 

Se ben o Instituto Galego mantén a estrita corrección xurídica do proxecto presentado ante a Administración local, mantén como obxectivo prioritario a construción das vivendas sociais que a cidade da Coruña necesita, polo que evitará novos recursos que deriven en máis dilacións para o proxecto.

 

O Goberno galego solicitou en decembro do ano 2016 licencia para a construción destas 40 vivendas ante o Concello da Coruña, que non emitiu resposta ata o pasado mes de setembro, en que comuniciou a súa denegación.

 

O proxecto incialmente presentado pola Xunta para a concesión da licenza municipal respecta estritamente a edificabilidade máxima da parcela, que dispón de 4.800 metros cadrados de uso residencial e 960 metros cadrados para locais comerciais, do que resulta un total de 5.760 metros cadrados.

 

Non obstante, o Goberno galego está a realizar axustes no proxecto coa fin de dotar á Coruña das vivendas de promoción pública comprometidas para facilitar o acceso a un fogar ás persoas con menos recursos.

A Xunta considera prioritario o obxectivo de construción do mesmo número de vivendas sociais inicialmente previstas, a pesar de que os condicionantes municipais dificultan o desenvolvemento de 40 inmobles.

 

A modificación obriga á construción doutro soto, o que suporá o incremento do investimento inicial previsto, que ascendía a 5,5 millóns de euros. Ademais, a demora dos trámites non permitirá a execución da partida recollida nos Orzamentos da Xunta para este exercicio.

 

Estes cambios no proxecto tamén significarán destinar o baixo a locais comerciais, tendo en conta que non existe unha demanda acreditada.