- Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación destes
traballos que teñen como obxectivo facer os inmobles máis eficientes desde o punto de vista
enerxético e tamén máis sustentables
- Sinalou que en abril se licitaron as obras correspondentes a unha 1ª fase, en 20 vivendas
de promoción pública, nos bloques 4, 5 e 6, que se adxudicarán en setembro para inicialas a
continuación e telas rematadas a principios de 2018
- A Xunta continúa coa aposta pola rehabilitación, a través de programas como o consistente
en actuacións en vivendas da súa propiedade, ao que este ano se destinan de 1,5 millóns de euros
para 238 vivendas
- A titular de Vivenda destacou que no marco deste programa, neste momento, están
adxudicados, por exemplo, os traballos de mellora da eficiencia enerxética en 116 vivendas de
Santiago
Melide (A Coruña), 5 de setembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e
Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Melide, Dalia García, visitou hoxe este concello,
onde salientou que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a licitación da segunda fase das obras
de rehabilitación de 23 vivendas de promoción pública da rúa José Cándido Ares, por un investimento
de máis de 426.000 euros.
Vázquez Mourelle explicou que estes traballos forman parte do proxecto de rehabilitación e
mellora de 43 vivendas de promoción pública construídas pola Xunta en Melide, no que se están a
investir 680.000 euros.
Precisou que estas obras teñen como obxectivo facer os inmobles máis eficientes desde o punto
de vista enerxético e tamén máis sustentables desde o punto de vista medioambiental.
Estas actuacións desenvolveranse en dúas fases e consistirán, fundamentalmente, no illamento
térmico das fachadas destes dous edificios e que teñen como obxectivo mellorar, a lo menos nun 20%,
a súa eficiencia enerxética.
No mes de abril licitáronse xa as obras correspondentes a unha 1ª fase, en 20 vivendas de
promoción pública, nos bloques 4, 5 e 6. Neste mes de setembro, está prevista a adxudicación destes
traballos para inicialos, unha vez asinado o contrato, xa que teñen un prazo de execución de tres
meses, polo que estarán rematadas a principios de 2018.
A Xunta continúa coa súa aposta decidida pola rehabilitación, a través de distintos
programas, como o consistente en actuacións directas do IGVS en vivendas da súa propiedade,
financiado con fondos Feder, ao que este ano se destinan arredor de 1,5 millóns de euros para 238
vivendas. Así, no marco deste programa, neste momento, están adxudicados, por exemplo, os traballos
de mellora da eficiencia enerxética en 116 vivendas de Santiago.