Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, asinou hoxe o convenio de incorporación ao programa, rubricado o 21 de marzo pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e que a continuación, se remitiu ao municipio pontevedrés

A XUNTA E O CONCELLO DE MARÍN FORMALIZAN A ADHESIÓN AO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS PARA DESTINAR OS INMOBLES DESOCUPADOS DESTE MUNICIPIO A FAMILIAS EN DIFICULTADES

§  Coa incorporación deste municipio, xa son 40 os concellos galegos que forman parte desta iniciativa posta en marcha polo Executivo autonómico
§  O obxectivo desta medida social pioneira no Estado é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados
§  As vivendas que se incorporan so programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica
§  A Xunta reitera a importancia de que todos os municipios galegos se doten dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan

 

Santiago, 24 de marzo de 2017.- A Xunta e o Concello de Marín formalizaron hoxe a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras para destinar os inmobles desocupados deste municipio a alugueiro social para familias en dificultades. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, asinou hoxe o convenio de incorporación ao programa, rubricado o 21 de marzo pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e que a continuación, se remitiu ao municipio pontevedrés.

 

Coa incorporación deste municipio, xa son 40 os concellos que forman parte desta medida social pioneira no Estado, que ten como obxectivo crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados, contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

 

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 300 euros, no caso do Concello de Marín, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

 

Trátase de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

 

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

 

Con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado e tamén se evitarían problemas como os que teñen traslado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.

 

Solucións reais a problemas reais

A Xunta reitera a importancia de que todos os municipios galegos colaboren dotándose dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan.

 

Cómpre lembrar que o Goberno galego está a impulsar un total de 12 medidas, entre elas, este Programa de Vivendas Baleiras, un conxunto de actuacións que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece “significativamente máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.