Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA 17 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO CONCELLO DA CORUÑA

§  Trátase de vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo que xa estiveron ocupadas anteriormente

§  As vivendas están emprazadas en Mesoiro, Barrio das Flores  e Elviña

 

Santiago, 23 de febreiro de 2016 .- A Comisión Provincial de Vivenda aprobou hoxe a proposta de adxudicación de 17 vivendas de promoción pública, propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, emprazadas no concello da Coruña.

 

As devanditas vivendas, que se adxudican despois do sorteo entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda, están emprazadas en Mesoiro (11 vivendas), Barrio das Flores (5) e Elviña (1).

 

En todos os casos trátase de segundas ou posteriores adxudicacións, o que significa que as vivendas xa estiveron ocupadas anteriormente por adxudicatarios que renunciaron ás mesmas. Entre as vivendas adxudicadas están as recuperadas polo IGVS en Mesoiro despois da súa ocupación sen título.

 

Catorce das vivendas adxudicadas corresponden a réxime de compravenda e tres a réxime de alugueiro. Unha vez se revise a documentación procederase ao sorteo polo que a cada adxudicatario se lle asigna unha vivenda concreta, o que permite elaborar o estudo económico tendo en conta as características da vivenda e as condicións económicas do adxudicatario. Neste estudo económico fíxase o prezo a pagar en cada caso, sexa en compravenda ou alugueiro.

 

En función da composición familiar e as condicións económicas dos adxudicatarios o prezo vese reducido nun 30, 40 ou 50 por cento, tanto en compravenda como en alugueiro.

 

Por outra parte, a Comisión Provincial de Vivenda tamén iniciou hoxe o procedemento para a adxudicación dunha vivenda de promoción pública en Noia e dun aloxamento protexido en Ferrol. No caso de Ferrol, trátase dun aloxamento adaptado para persoas con mobilidade reducida.