§
Galicia conta xa con 70 áreas de rehabilitación integral declaradas, que benefician
a un total de 107 concellos das catro provincias
Santiago, 20 de
xaneiro de 2017
.-
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou a declaración da Área de
Rehabilitación Integral no núcleo urbano de Santo Tomé, no concello pontevedrés de Caldas de Reis,
que segundo a memoria presentada polo concello, conta cun total de 469 vivendas, das que
inicialmente son susceptibles de rehabilitación 185.
O ámbito da área de rehabilitación integral comprende o núcleo urbano de Santo Tomé
que se asenta a ambas beiras dos ríos Umia e Bermaña. A súa malla urbana configurouse a través da
vía romana Braga-Astorga, por onde transcorre hoxe o Camiño de Santiago, do que a rúa Real forma
parte.
A tipoloxía edificatoria orixinal consiste en edificios apoiados en muros de pedra
con estruturas de madeira, de dúas ou tres plantas entre medianeiras. Actualmente, a pesar dos
cambios realizados nalgunhas edificacións, mantense aínda un conxunto homoxéneo no centro urbano de
Caldas que é preciso preservar.
Os obxectivos fundamentais da declaración do centro urbano de Caldas son a súa
rexeneración, con actuacións encamiñadas a conseguir a rehabilitación e revitalización social,
física, urbanística e económica do ámbito.
O financiamento para a realización de obras de rehabilitación por parte dos
propietarios de vivendas que desexen realizalas será fixado a través dunha comisión bilateral de
seguimento na que estarán representados o IGVS e o concello de Caldas ao que posteriormente
corresponderá proceder á convocatoria e tramitación das axudas a través da oficina municipal de
rehabilitación. O concello tamén poderá beneficiarse de axudas para actuacións de urbanización e
reurbanización no ámbito da ARI.
Segundo a memoria presentada polo concello para a declaración da ARI, a
rehabilitación integral do seu ámbito demandará máis de 4,7 millóns de euros para vivendas e máis
de 2.3 millóns de euros para actuación de urbanización e reurbanización.
70 ARI declaradas
Coa declaración
da ARI de rehabilitación de Caldas de Reis, Galicia conta xa cun total de 70 áreas
declaradas que benefician a un total de 128 concellos galegos.
Deste total, 69 ARI están emprazadas nun total de 41 concellos, mentres que a Área
de Rehabilitación dos Camiños de Santiago beneficia a un total de 107 concellos das catro
provincias galegas. Nalgúns casos, como o de Caldas de Reis, a ARI dos Camiños de Santiago convive
con outras ARI declaradas en zonas do mesmo concello.
En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das Aris máis de
11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e do Estado. Os concellos
correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das
Aris, recibindo tamén axudas autonómicas e estatais para ditas obras. A achegas da Xunta e o Estado
para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros
que induciron un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90
millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de
rehabilitación mobilizou, dende a súa creación en 1996, un total de máis de 190 millóns de
euros.