- O obxectivo
deste programa, pioneiro en España, é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social
cos inmobles de organismos ou particulares que non se atopen habitadas, coa colaboración dos
municipios
- As vivendas que se incorporan
a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, que xa contratou dous tipos de seguros:
un multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa
xurídica
- A titular de Vivenda salienta
que un total de 26 municipios de Galicia xa forman parte do programa, que ofrece ‘solucións reais a
problemas reais’
- Fixo fincapé na necesidade de que outros concellos como Vigo, onde se rexistra maior número
de desafiuzamentos e de familias que precisan dun fogar, se sumen a esta iniciativa do Goberno
galego
Vigo, 18 de novembro de 2016.-
A conselleira de
Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asinaron hoxe o
acordo que supón a posta en marcha do Programa de Vivendas Baleiras neste municipio coa fin de
crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados do concello e destinalos a familias
en dificultades.
O Concello de
Baiona sitúase hoxe entre os primeiros municipios
da provincia de Pontevedra –xunto con Redondela, Gondomar e
Ponteareas- que se suman a esta iniciativa da Xunta. A día de hoxe son
xa 26 os municipios de Galicia que forman parte do programa.
O obxectivo deste
programa pioneiro e novidoso en España é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro
social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas
contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.
Este convenio fixa
un prezo máximo da renda do aluguer –de 300 euros -, e a contía virá determinada polas
características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.
A conselleira
destacou a importancia de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o
arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola
renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais,
con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.
As vivendas que se
incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, que xa contratou dous tipos de
seguros: un multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa
xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.
Con estes seguros
que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias
está totalmente asegurado. Tamén se evitarían problemas como os que teñen traslado distintos
colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias
en dificultades.
Sumar esforzos
A titular de
Vivenda subliñou a relevancia de que o resto dos municipios da área de Vigo sigan o exemplo de
Baiona e dos outros 3 concellos da área que xa teñen asinado este convenio. Neste sentido, precisou
que nas grandes cidades, como Vigo, é onde se rexistra un maior número de desafiuzamentos e de
familias que precisan dun fogar.
A conselleira
indicou que celebraría que o Concello de Vigo se dispuxese a asinar canto antes a súa incorporación
ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta; o que sería unha boa nova para os veciños desta cidade
pero, sobre todo, para as familias que están a pasar dificultades.
Cómpre lembrar que
a Valedora do Pobo recomendoulle ao citado municipio avaliar a conveniencia de sumarse a este
programa da Xunta e o Parlamento demandoulle as actuacións necesarias para adherirse á
medida.
Vázquez fixo
fincapé en que cómpre ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de
vivenda. Para iso, o Goberno galego está a impulsar 12 medidas que a Valedora do Pobo, no seu
informe de 2015, recoñece “significativamente máis ambiciosas que os doutras
comunidades autónomas”.