Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O consello da Xunta acorda destinar 8 millóns de euros á compra de solo en San Paio de Navia nun novo paso do proxecto de construción de 1.600 vivendas protexidas en Vigo

§  O Goberno galego aproba as condicións do concurso público de adquisición de terreos afectados por esta promoción, que proximamente publicará o Diario Oficial de Galicia

§  A oferta aos propietarios consistirá aboar 126 euros por metro cadrado

§  A Xunta presentou a semana pasada ante o Concello de Vigo a documentación necesaria para desbloquear esta iniciativa mediante unha modificación do Plan Parcial que debe permitir elevar en case 1.000 o número de vivendas protexidas que se van construír

§  Agárdase que estas dúas medidas fagan posible iniciar o vindeiro ano a urbanización do ámbito e a construción das primeiras vivendas sociais

§  A Xunta impulsa en San Paio de Navia o maior proxecto en marcha en Galicia para a construción de vivendas protexidas, que poderá materializarse pese ás limitacións urbanísticas derivadas da anulación do PXOM de Vigo

 

O Consello da Xunta acordou hoxe destinar un total de 8 millóns de euros á adquisición de solo en San Paio de Navia, nun novo paso no impulso do proxecto de construción de 1.600 vivendas protexidas en Vigo. O Goberno galego aprobou hoxe as condicións do concurso de compra dos terreos afectados por esta promoción, que proximamente fará público o Diario Oficial de Galicia.

 

Na oferta pública de adquisición os terreos valóranse a 126 euros o metro cadrado, ao que haberá que sumar o valor dos elementos existentes nas fincas, como construcións, peches, arborado, etc. Con esta oferta, o Goberno galego respecta o prezo fixado na resolución expropiatoria emitida pola Xunta no ano 2008 e que non chegou a materializarse a causa das complicacións urbanísticas e das dificultades económicas.

 

No caso de que as propostas de venda presentadas polos propietarios do solo superen os oito millóns de euros previstos, a contía destinada á adquisición de solo poderá ser incrementada. Os terreos que non se poidan adquirir por compravenda serán adquiridos posteriormente a través de permuta por edificabilidade cos propietarios ou a través de expropiacións.

 

O desenvolvemento das últimas fases de San Paio de Navia fai necesaria a modificación do seu Plan Parcial co obxectivo de aproveitar íntegramente a edificabilidade do mesmo e incrementar en preto de 1.000 as vivendas previstas inicialmente. Con tal obxectivo o pasado 5 de xuño a Xunta presentou no Concello de Vigo a documentación necesaria para a dita modificación e desbloquear a construción das 1.600 vivendas protexidas en Vigo.

 

En total prevese que a superficie construída de vivenda protexida se sitúe nos 189.000 metros cadrados, o distribuída entre 165 vivendas unifamiliares e 1.430 vivendas distribuídas en bloques de edificación residencial.

 

A modificación do Plan Parcial tamén prevé o incremento substancial no número de prazas de aparcadoiro público, xa que se proxectan 1.230 prazas nas fases por desenvolver e 629 en terreos das fases xa urbanizadas, o que supón a execución de 1.859 novas prazas en San Paio de Navia.

 

Unha vez impulsada a adaptación urbanística, que debe tramitar o Concello de Vigo nos vindeiros meses, e autorizada a compra de solo, a Xunta prevé que o vindeiro ano sexa posible iniciar as obras de urbanización do primeiro dos polígonos nos que se divide a ampliación de San Paio de Navia e, de forma simultánea, dar comezo á construción das vivendas protexidas.

 

Deste xeito, a   Xunta impulsa en San Paio de Navia o maior proxecto en marcha en Galicia para a construción de vivendas protexidas, que poderá materializarse pese ás limitacións urbanísticas derivadas da anulación do PXOM de Vigo