Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Xunta explica ao concelleiro de Benestar Social de Lalín o funcionamento do Programa de vivendas baleiras

- Xa solicitaron a adhesión ao programa 23 concellos e outros 24 solicitaron información previa á solicitude de adhesión
- O Programa de vivendas baleiras permitirá destinar vivendas de propiedade pública ou privada a alugueiro social por parte de familias desfavorecidas

Santiago, 13 de xuño de 2016.- A Xunta de Galicia explicou ao Concello de Lalín o funcionamento do Programa de vivendas baleiras que está a desenvolver o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Para iso, a secretaria xeral do IGVS, María Ángeles Domínguez, mantivo hoxe unha reunión co concelleiro de Benestar Social do concello de Lalín, Nicolás González Casares; onde tamén se lle informou ao concelleiro sobre as 12 medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para evitar ou paliara os desafiuzamentos de vivendas.

Co Programa de vivendas baleiras, posto en marcha polo Executivo autonómico no pasado mes de abril no marco do Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020, o municipio poderá poñer en marcha os mecanismos de captación de vivendas baleiras para a súa inclusión no programa da Xunta de Galicia unha vez que se asine o correspondente acordo.

Ata o momento xa son 23 os concellos de toda Galicia, que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de vivendas baleiras, entre os que destacan o de Ourense, que foi o primeiro en facelo a comezos do mes de maio e que xa asinou o convenio de adhesión o 6 de xuño, ou o de Santiago de Compostela, que solicitou a adhesión o 18 de maio. Outros 24 concellos, solicitaron do IGVS información previa á súa solicitude de adhesión ao convenio.

O Programa de vivendas baleiras permitirá, grazas ao convenio asinado entre a Xunta e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do Goberno Galego e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

1.            Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.

2.            Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual. A garantía do cobro das rendas impagadas non poderá superar o período máximo de doce mensualidades.

Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.

Concellos

Poderán acollerse a este programa os concellos que asinen o acordo de adhesión anexo ao convenio coa Fegamp. Os concellos adheridos proporán ao IGVS a incorporación ao programa de vivendas baleiras da súa propiedade ou de terceiros, sempre que estean libres de cargas e gravames que impidan o seu arrendamento, ser conformes coa lexislación que lle sexa de aplicación, incluída a urbanística, estar desocupadas e ser susceptibles de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa.

As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio

Os concellos tamén proporán o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas respectando, en todo caso, os requisitos e prioridades sinalados no convenio coa Fegamp.