Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA TRES VIVENDAS A FAMILIAS CON DIFICULTADES EN SANTIAGO E CULLEREDO

§  A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de asinar a adxudicación directa destes inmobles

§  Un dos inmobles destínase a un caso de violencia de xénero e os outros dous a familias con problemas económicos, todos entregados en réxime de alugueiro

§  O Goberno galego multiplicou no último ano os esforzos para facilitar o acceso a un fogar ás persoas en situación de risco mediante novos programas como o Bono de Alugueiro Social ou os convenios con entidades financeiras

Santiago, 11 de febreiro de 2016.- A Xunta vén de adxudicar tres vivendas a familias con dificultades socioeconómicas en Santiago e Culleredo. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou a adxudicación directa destes inmobles.

Unha das vivendas adxudicadas correspóndese cun caso de violencia de xénero e as outras con dificultades socioeconómicas, todas entregadas en réxime de alugueiro.

 

O Goberno galego avanza deste xeito no cumprimento do Plan rehaVita, que reforza as medidas destinadas a garantir un fogar as familias máis desfavorecidas. Así, estas solucións non só se dirixen a aquelas persoas que non poden afrontar o pago do alugueiro ou hipoteca da súa vivenda, senón que tamén se ofrece colaboración a casos como as vítimas de violencia de xénero ou outros problemas de índole social.

 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que está a dar resposta a todas as familias que solicitan axuda. Neste sentido, no último ano multiplicáronse os esforzos para achegar solucións ás persoas en situación de risco, mediante novos programas de axuda como o Bono de Alugueiro social ou os convenios con entidades financeiras, entre elas a maior de Galicia, que se comprometeron a non executar desaloxos, e cederon 240 vivendas baleiras, que a Xunta está a destinar a familias necesitadas.