Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ENTREGOU 18 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA, EN RÉXIME DE ALUGUEIRO, CONSTRUÍDAS NO BARRIO OURENSÁN DE COVADONGA

§  A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presidiu o acto de entrega das chaves

§  Destacou que estas vivendas son exemplo do esforzo da Xunta por facilitar o acceso a un fogar aos cidadáns galegos

§  Trátase de vivendas de dous,tres e catro dormitorios distribuídas en dous bloques

§  Próximamente farase o mesmo coas 14 restantes en réxime de alugueiro e as 20 adxudicadas en réxime de compravenda

§  O IGVS investiu máis de 6,6 millóns de euros na construción das 52 vivendas

 

Ourense, 11 de febreiro de 2016.- Os adxudicatarios de 18 vivendas en réxime de alugueiro construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no barrio ourensán de Covadonga xa as poden ocupar, unha vez que hoxe se entregaron as chaves das mesmas por parte da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

 

Das 52 vivendas construídas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do (IGVS) en Covadonga, un total de 33 foron adxudicadas en réxime de alugueiro e as 19 restantes en réxime de compravenda. Nun acto celebrado no salón de actos da Delegación  Territorial da Xunta entregáronse as chaves de 18 vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro, mentres que proximamente realizarase a entrega das vivendas pendentes.

 

Marisol Díaz destacou que coa entrega destas vivendas a Xunta de Galicia cumpre o seu compromiso “que non é outro que concluír estre proceso que comezou no ano 2009 e que estivo paralizado durante máis de dous anos, por causas alleas á Administración autonómica”. A delegada territorial pediu desculpas aos adxudicatarios por esta demora ”pero o importante é que agora xa podedes comezar a vivir nos vosos pisos”. Díaz Mouteira aproveitou o acto para subliñar “o apoio que mantén a Xunta aos cidadáns para facilitar o acceso á vivenda”.

 

O investimento en vivenda, segundo destacou a delegada territorial, “presenta un dobre beneficio: social e económico”. Por unha parte reporta beneficio social, xa que facilita a posibilidade de ter unha vivenda de calidade, o que implica unha mellora nas cotas de benestar, ao tempo que se fixa poboación. Ademais, xera movemento económico.

 

Os adxudicatarios das vivendas entregadas hoxe terán que pagar un arrendamento mensual entre os 86,37  e os 124,69 euros, incluíndo rocho e garaxe, dependendo da superficie do piso.

 

Características

A Xunta investiu na construción das 52 vivendas de promoción pública do barrio de Covadonga, na cidade de Ourense, máis de 6,6 millóns de euros. Estas vivendas de promoción pública executadas polo IGVS distribúense en dous bloques compostos por unha planta baixa e catro plantas altas, amais de dous sotos dedicados a garaxes e rochos con acceso común.

 

Das 52 vivendas, dúas están adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Teñen

2, 3 e 4 dormitorios, con superficies comprendidas entre 60,77m2 e 87,73 m2. Contan cunha praza de garaxe entre 30,34 m2 e 42,60m2 e rochos entre 4 e 7 m2. Os inmobles constan de salón-comedor-cociña, dormitorios, baño, aseo, vestíbulo e lavadoiro tendedeiro. A cociña está totalmente amoblada.

 

As vivendas emprázanse nun terreo que foi adquirido ao Bispado de Ourense a cambio da execución dunha igrexa e unha vivenda e centro parroquial nos baixos dos edificios.