Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA COMUNICA ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS A CONCESIÓN DE AXUDAS Á REHABILITACIÓN DE EDIFICIOS COLECTIVOS POR CASE UN MILLÓN DE EUROS

§  O Goberno galego outorgou subvencións a 41 comunidades, que suman máis de 600 vivendas

§  Estas axudas van dirixidas a comunidades ou propietarios únicos que as solicitaron e destinaranse a obras de conservación, illamento térmico e sonoro ou mellora da accesibilidade

 

Santiago, 20 de novembro de 2015 .- A Xunta comunica ás comunidades de propietarios a concesión de axudas á rehabilitación de edificios colectivos por case un millón de euros. En total concedéronse axudas a 41 comunidades, que suman máis de 600 vivendas.

 

As subvencións outorgadas para a rehabilitación de elementos comúns de edificios de vivendas, acada os 957.679 euros, o que suporá un investimento total, incluída a axuda, por parte dos propietarios dos inmobles de máis de 2,3 millóns de euros.

 

Estas axudas están dirixidas fundamentalmente a tres tipos de obras a realizar nos elementos comúns de edificios colectivos de vivenda:

 

1. Obras de conservación e mantemento dos edificios motivadas por causas graves.

2. Illamento térmico e sonoro dos edificios.

3. Mellora da accesibilidade.

 

Os beneficiarios das axudas son as comunidades de propietarios, agrupacións de comunidades ou propietarios únicos de edificios de vivendas.

 

As axudas á rehabilitación de edificios teñen as seguintes contías:

 

·         Ata 4.000 € por vivenda para conservación.

·         Ata 2.000 € por vivenda para mellora da eficiencia enerxética (5.000 € se se reduce nun 50% a demanda enerxética do edificio).

·         Ata 4.000 € por vivenda para mellora de accesibilidade.