Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde, José Carlos López Campos

A XUNTA TRASLÁDALLE AO CONCELLO DA ESTRADA O COMPROMISO DE REVISAR E COMPLETAR O PROXECTO SECTORIAL DA CIDADE DO MOBLE

§  Estudarase a división en polígonos, de maneira que se poida desenvolver ao ritmo que marque a demanda

§  Revisaranse os usos permitidos neste parque empresarial co fin de facilitar o asentamento de empresas neste municipio

 

Santiago, 18 de novembro de 2015 .- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Concello da Estrada o seu compromiso de revisar e completar o proxecto sectorial da Cidade do Moble. O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde dese municipio, José Carlos López Campos, na que se acordou que o Goberno galego retrotraerá o expediente do proxecto sectorial da Cidade do Moble para dar cumprimento á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

 

Esta decisión permitirá incorporar ao expediente o informe que falta e continuar co desenvolvemento da actuación.

 

Así mesmo acordouse que   na revisión se estudará a posible división do proxecto do parque empresarial en polígonos, de maneira que se poida desenvolver por partes e conforme á demanda real que se contraste a través do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial, empregando os recursos dispoñibles de forma eficiente e dando resposta ás necesidades dos empresarios da Estrada ou interesados en asentarse neste concello.

 

Na mesma reunión chegouse ao acordo de, ademais de completar o expediente coa información necesaria, o Instituto Galego da Vivenda e Solo revisará o proxecto sectorial co obxectivo de flexibilizar os usos previstos para esta actuación de solo empresarial. O obxectivo é facilitar o asentamento das empresas interesadas en instalarse na Estrada.