Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA REMATE DE FACHADAS E CUBERTAS, REHABILITACIÓN E RECONSTRUCIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS NO ÁMBITO RURAL, HISTÓRICO E DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

  • Os interesados dispoñen dun mes para a presentación da solicitude
  • Trátase de axudas destinadas ao remate de fachadas e cubertas e á rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas, que xa conten con cualificación definitiva
  • O importe da axuda é do 50% do orzamento

 

Santiago, 12 de agosto de 2015.- A Xunta de Galicia destinará 1.133.706 euros á concesión de axudas autonómicas aos titulares de actuacións de remate de fachas e cubertas e de rehabilitación ou reconstrución de vivendas emprazadas no ámbito rural, en conxuntos históricos ou nos Camiños de Santiago. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente resolución de convocatoria, que se insire nas actuacións previstas no Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

 

Os interesados disporán do prazo dun mes, a contar a partir da publicación da convocatoria no DOG.

 

Poderán beneficiarse destas subvencións os titulares de actuacións de remate de fachadas e cubertas e de rehabilitación ou reconstrución de vivendas emprazadas no ámbito rural, en conxuntos históricos ou nos Camiños de Santiago, que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

 

Para ter dereito á axuda, as vivendas rehabilitadas deberán estar sendo destinadas a residencia habitual e permanente do propietario ou do inquilino no caso de vivendas en alugueiro.


Contía

O importe da subvención pode acadar o 50% do orzamento que figura na resolución de cualificación definitiva.

 

A subvención de cada beneficiario non poderá superar o límite máximo de 6.600 euros para as actuacións de remate de fachadas, cubertas e rehabilitación e de 8.600 euros para as actuacións de reconstrución.

Da contía total de 1.133.706 euros desta convocatoria, 833.706 euros serán destinadas a actuacións no ámbito rural e 300.000 euros ás do ámbito histórico.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS