- Vázquez Mourelle inicia deste xeito a rolda de contactos con institucións e colectivos
sociais que poden colaborar na difusión dos programas públicos de vivenda para ofrecer resposta ás
necesidades sociais
- O Valedor do Pobo interesouse polas políticas autonómicas de Vivenda para avanzar na
axenda da xornada sobre esta materia que proximamente xuño reunirá a representantes de todas as
defensorías españolas
- A responsable de Vivenda do Goberno galego proporcionou información precisa sobre os
programas de prevención da exclusión residencial, con medidas como o Bono Alugueiro, ou o acordo
asinado coa Sareb para destinar as primeiras vivendas desta entidade a alugueiros sociais
Santiago, 14 de abril de 2015.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas, Ethel Vázquez, trasladou esta tarde ao Valedor do Pobo, Julio Fernández, as
medidas que se recollen no Plan de Vivenda de Galicia 2015-2020, Plan rehaVIta para facilitar o
acceso á vivenda ás familias que máis o necesita. Na xuntanza que esta tarde mantiveron, Vázquez
Mourelle explicoulle ao Valedor do Pobo que este é o primeiro plan de vivenda elaborado pola Xunta
de Galicia co compromiso de atender as necesidades sociais nesta materia.
O Valedor do Pobo transmitiulle á Consellería de Medio Ambiente o seu interese por coñecer en
detalle as políticas públicas en materia de vivenda, tendo en conta que el é o encargado de
desenvolver proximamente un taller de coordinación de todas as defensorías españolas en relación
con esta materia.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente inicia coa reunión de hoxe a rolda de contactos
prevista con distintas institucións e colectivos sociais que poden colaborar na difusión dos
distintos programas autonómicos de vivenda cos que se pretende ofrecer solucións ás dificultades da
sociedade en relación con este asunto. Así mesmo, a Xunta quere escoitar as achegas dos distintos
axentes para unha óptima aplicación desta estratexia e solicitar a súa implicación na información
ás persoas e familias con necesidade de apoio.
Nas reunións, como a celebrada esta tarde, a Xunta exporá medidas xa en marcha como o programa
de realoxo de afectados por execucións hipotecarias e outras novidosas, incluídas no Plan rehaVIta,
como o Bono Alugueiro, un programa para o apoio urxente a familias que precisen dunha axuda para
asumir o custo do arrendamento da vivenda, evitando dese xeito os desafiuzamentos por impagamento
da renda. A previsión é que empece a funcionar este verán, polo que a conselleira manifestou que se
necesita a participación das institucións e colectivos implicados para que a información chegue aos
afectados.
Vázquez Mourelle lembroulle ao Valedor que coa recente sinatura do acordo coa Sareb xa se puxo
en marcha a primeira das medidas do Plan rehaVita, encamiñada a incorporar vivendas deste organismo
para aumentar a oferta de vivenda pública, co obxectivo de ofertalos como alugueiros sociais a
familias con especiais dificultades económicas.
Así mesmo, a conselleira reiterou a necesidade de cooperar para explicarlle aos afectados por
problemas relacionados coa vivenda as posibilidades que brindan as distintas administracións, para
evitar que os galegos sufran situacións de desprotección social e exclusión.