Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ENTREGOU AOS SEUS ADXUDICATARIOS AS CHAVES DE 10 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN LUGO

Trátase de vivendas emprazadas na Tinería, Garabolos e Aquilino Iglesia Alvariño
- Todas as vivendas foron adxudicadas en réxime de alugueiro, excepto unha que foi entregada en réxime de ocupación temporal
- Os prezos do alugueiro oscilan entre os 68 e os 127,34 euros mensuais
 
Lugo, 17 de decembro de 2014.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo entregou dez vivendas de promoción pública no concello de Lugo, nun acto presidido por Carlos Vila, xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
 
Cinco das vivendas entregadas corresponden ás rehabilitadas polo IGVS no barrio da Tinería, catro emprázanse nas Gándaras e unha en Aquilino Iglesias Alvariño.
 
En nove dos casos trátase de vivendas en primeira adxudicación e no outro, correspondente á Tinería, é unha vivenda que xa estivo adxudicada con anterioridade.
 
Da mesma maneira, nove vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro, con prezos que oscilan entre o 68 e os 127,34 euros mensuais. Unha das vivendas adxudicouse en réxime de ocupación temporal, sen custe de alugueiro, ao tratarse dun realoxo ao abeiro do programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias.
 
Polo que respecta ás superficies, as cinco vivendas da Tinería oscilan entre 28,75 e 53,90 metros cadrados de superficie útil, mentres que as de As Gándaras van dos 67,20 aos 71,30 metros útiles. Finalmente, a vivenda de Aquilino Iglesias Alvariño dispón de 89,90 metros cadrados útiles.
 
Dende 2009 o Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu preto de 29 millóns de euros en vivendas de promoción pública na provincia de Lugo, ben de nova construción ou ben rehabilitadas en conxuntos históricos e núcleos rurais, o que permitiu dar vivenda a máis de 550 familias. Ademais, o IGVS destinou máis de 1,6 millóns de euros á mellora das vivendas de promoción pública existentes, ben a través de actuacións directas ou por medio de axudas ás comunidades de propietarios de VPP.