Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

Ao remate deste acto, os adxudicatarios puideron visitar os inmobles asignados

A XUNTA REALIZOU O SORTEO DE ASIGNACIÓN DE 24 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS NO BERTÓN, EN FERROL

- Trátase de 24 vivendas de dous dormitorios cunha superficie media de 70 m2
- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) investiu preto de 2,5 millóns de euros na construción destes inmobles
Santiago, 15 outubro de 2014.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), realizou hoxe o sorteo de asignación de 24 vivendas de promoción pública construídas no Bertón, en Ferrol.
O IGVS investiu preto de 2,5 millóns de euros na construción das 24 vivendas, edificadas nunha parcela urbanizada por Xestur. Outras 28 vivendas de promoción pública foron construídas tamén no Bertón e xa foron adxudicadas.
No sorteo de hoxe asignouse a cada adxudicatario a vivenda que lle corresponde en función da composición familiar e a superficie da mesma. Rematado este acto os adxudicatarios puideron visitar os seus respectivos inmobles.
Todas as vivendas contan con dous dormitorios e unha superficie media útil de 70 metros cadrados. Ademais dispoñen de sala de estar-comedor, cociña, baños, área de lavado e tendal. Estes inmobles contan cun rocho e unha praza de garaxe.
O edificio dispón de tres locais comerciais emprazados na planta baixa do mesmo, cunha superficie total de 210 metros cadrados.
Polo que respecta á memoria construtiva, os principais aspectos son os seguintes:
•             Carpintería exterior de aluminio anodizado e vidro dobre.
•             Carpintería interior chapada en madeira de carballo.
•             Revestimentos interiores de pintura plástica sobre xeso proxectado en paredes e teitos e azulexado nas paredes dos cuartos húmidos.
•             Pavimentos con plaquetas de gres antideslizante nos cuartos húmidos e corredor e parqué de madeira no resto das estancias.
•             Instalación de fontanería con tubos de polipropileno ou polietileno reticulado segundo diámetros.
•             A rede de saneamento interior é de PVC.
•             Grao de electrificación básico das vivendas.
•             A instalación de auga quente sanitara e calefacción central, con caldeiras de gas natural e paneis de enerxía solar térmica.
•             Instalacións de captación dos sinais de radio e tv, rede de telefonía básica e porteiro automático.
•             Dous ascensores, un por portal.
Estudo económico
Unha vez realizado o sorteo de asignación das vivendas, levarase a cabo o estudo económico, en función dos ingresos de cada adxudicatario e a vivenda que lle correspondeu, fixándose o prezo ou alugueiro mensual determinado para cada un.
Os adxudicatarios recibirán dito estudo económico, no que se lles indicará a vivenda que lles corresponde e o prezo do alugueiro, unha vez realizados os posibles descontos, así como instrución sobre os trámites a realizar antes da entrega de chaves.