Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

No marco do programa europeo Adaptaclima II

O INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA IMPARTIRÁ CONFERENCIAS EN SETE CIDADES GALEGAS SOBRE ADAPTACIÓN DAS VIVENDAS GALEGAS AO CAMBIO CLIMÁTICO E EFICIENCIA ENERXÉTICA

Nos meses de abril e maio haberá conferencias dirixidas a técnicos e profesionais do sector
En setembro as conferencias dirixiranse a promotores e usuarios de vivendas
 
Santiago, 25 marzo de 2013.- No marco do proxecto europeo Adaptaclima II, que ten como obxectivo principal a capitalización dos estudos, análises, conclusións acadadas para adaptación das vivendas ao cambio climático e recomendacións de mitigación do mesmo na edificación, o Instituto Galego da Vivenda e Solo organiza unha serie de conferencias dirixidas a técnicos e profesionais do sector, así como outras dirixidas a promotores e usuarios de vivendas.
 
As conferencias destinadas a técnicos e profesionais do sector impartiranse en seis localidades galegas durante os meses de abril e maio. Posteriormente no mes de setembro realizaranse as conferencias dirixidas a promotores e usuarios nas mesmas localidades e coa mesma duración.
 
As conferencias para profesionais terán lugar na Coruña (8 de abril), Santiago de Compostela (29 de abril), Vigo (6 de maio), Pontevedra (13 de maio), Lugo (20 de maio), Ourense (27 de maio) e Ferrol (3 de xuño) e nas mesmas tratarase sobre:
 
·         Introdución: Cambio Climático
·         As vivendas en Galicia: Potencialidades e vulnerabilidades
·         Xeografía física, núcleos rurais e vivendas: Análises de dous casos singularizados polas súas características urbanas e climatolóxicas.
·         Confort sustentable
·         Cálculos e simulacións
·         Recomendacións de adaptación e técnicas de mitigación.
 
Os técnicos que impartirán as conferencias (Joaquín Fernández Madrid, Santiago Pintos Pena e Alberto Redondo Porto) son os que realizaron o estudo respecto ás consecuencias do cambio climático sobre as vivendas galegas, tendo en conta as evidencias de dito cambio, a xeografía física do lugar e a tipoloxía edificatoria, analizando as potencialidades e vulnerabilidades do cambio e recollendo unha serie de recomendacións para a súa adaptación co fin de acadar un confort térmico sustentable e unha redución do consumo enerxético nas vivendas.
 
Proxecto europeo
O proxecto Adaptaclima no que participa o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xunto con organismos de España, Francia e Portugal insírese no Programa de Cooperación Territorial Espacio Sudeste Europeo (Interreg SUDOE) sendo financiado nun 75 por cento pola Unión Europea. O orzamento total do programa é de 1.293.993,33 euros, dos que a UE achegará 970.495 euros.
 
Como obxectivo principal o programa pretende promover e desenvolver medidas de adaptación da sociedade aos futuros escenarios derivados do cambio climático e contribuír a concienciar á poboación sobre as consecuencias reais do cambio climático e amortecer o impacto negativo do mesmo nos aspectos económicos e sociais.
 
As principais actividades deste proxecto de cooperación son o cálculo dos escenarios climatolóxicos nas áreas de intervención; definir os cambios e estudar os impactos previstos; e definir un plan de adaptación aos escenarios previstos. Neste contexto, os principais resultados que se espera obter nos próximos dous anos, son, entre outros:
 
·         Un sistema de predicións climáticas de alta resolución das áreas de intervención seleccionadas.
·         Modelos climáticos de escala rexional.
·         Estudios exhaustivos sobre os posibles cambios producidos polo cambio climático, nas infraestruturas e nas edificacións; así coma o seu impacto na socioeconomía dos territorios.
·         Directrices locais dirixidas a orientar a adaptación ás consecuencias do cambio climático.
·         Unha estratexia conxunta de xestión ambiental, ampliable a outros territorios do espazo SUDOE.
 
No programa participan a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Mancomunidad de Municipios Sostenibles de Cantabria, NEIKER (Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario), ADESVAL (Agencia de Desarrollo del Valle de Alagón) e a Junta de Andalucía, o CETE (Centre d’études Techniques Sud Ouest), a Chambre d’Agriculture de la Dordogne e AMAVE (Associação de Municipios do Vale do Ave).